Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aparece o teléfono de Déborah Fernández nunhas obras nunha comisaría de Madrid

Aparece o teléfono de Déborah Fernández nunhas obras nunha comisaría de Madrid

Ademais de documentación, os axentes atoparon cintas de vídeo e fotografías

Rosa Fernández, irmá de Déborah: "Estamos desexando valorar todo o que apareceu novo"

G24.gal 12/09/2022 09:42 Última actualización 12/09/2022 11:08

Pasaron 20 anos da morte da moza viguesa Déborah Fernández-Cervera e o último oficio da Policía Nacional, encargada da investigación, apunta que, tras unhas obras nas súas instalacións, apareceu un material descoñecido ata a data e que estaría relacionado co caso.

Ademais de documentación, os axentes atoparon un teléfono móbil, cintas de vídeo e fotografías. A familia está indignada. 

Rosa, irmá de Déborah, ofreceu unha entrevista no informativo Bos días onde manifestou que a "instrución do caso está chea de sobresaltos e que fan dubidar do sistema".

A familia reclamara que se examinara o teléfono móbil e a policía dixéralles que non o tiñan. Agora o aparato apareceu, pero sen a tarxeta SIM. "A medida que avanzamos e sacamos máis información, todo nos parece máis despropósito", destacou Rosa.

Segundo informou a familia, ademais de documentación, os axentes atoparon un teléfono móbil, cintas de vídeo, fotografías e oficios policiais. Rosa afirmou que irán ao xulgado para visionar todas esas cintas e ver que "máis se pode rascar".

"Todo isto dá fe do mal que se fan as cousas en España. Agora deberían de ser máis autocríticos, cousa que levamos anos denunciando, porque a miña irmá non ma van devolver, pero isto que non o teña que vivir outra familia", afirmou Rosa. 

Rosa, voceira da familia, carga contra un Ministerio Fiscal “apoucado e sen sangue”, desinteresado da causa e por saber a verdade, contra a xuíza e contra a Policía Nacional, “que nin sequera saben onde gardan as probas dun caso desta gravidade e que as presentan 20 anos máis tarde e cando a maior parte da causa está prescrita". 

A familia lembra que o achado do teléfono móbil se produciu cando a titular do Xulgado de Tui denegara a petición dos avogados da familia de coñecer a cadea de custodia do disco duro do ordenador de Déborah e detalles sobre a natureza da acta de recollida do mesmo.

A isto, únese a "negativa reiterada" da xuíza á peticións feitas polos letrados de que se incorporara á causa xudicial o contido de todos os expedientes policiais dos que ata o día de onte se tiña constancia.

Os avogados van pedir que se depuren as oportunas responsabilidades, sen descartar a presentación de reclamacións xudiciais.

Todo isto podería complicar aínda máis unha causa que se pechou oficialmente en 2010, que se reabriu en 2019 e que, tras a declaración o pasado marzo no xulgado por primeira vez do único investigado, o ex noivo da nova, está pendente do seu arquivo ou da apertura de xuízo oral en función dos resultados dunhas últimas dilixencias.

Pendente está tamén a resolución por parte da Audiencia de Pontevedra dun recurso de apelación presentado pola familia contra a negativa da xuíza de tramitar o procedemento pola Lei do Tribunal do Xurado, o que podería levar ao único investigado a sentar no banco fronte a un xurado popular.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade