Rouban dúas vacas dunha explotación familiar de Caldas de Reis
Rouban dúas vacas dunha explotación familiar de Caldas de Reis
Os animais estaban atados nunha leira de Saiar onda outras dúas vacas
Leváronos de noite, supostamente, utilizando un vehículo
Parte da cabana pertencente á explotación gandeira que teñen Charo e Rafael pasta en Godos, lugar de Caldas de Reis. A parella leva quince anos dedicados á crianza de vacún para carne e estes días están a vivir unha situación novidosa. Desde a noite do domingo ao luns fáltanlles dúas vacas que deixaran atadas nunha leira próxima, en Saiar.
Teñen moi claro que llelas roubaron e así o denunciaron ante a Garda Civil, que agora revisa a gravación de videovixilancia da zona. Foi unha veciña quen alertou á mañá de que faltaban dúas vacas do grupo.
"Chamou a veciña e díxome que faltaban dúas vacas das catro que estaban atadas, cada unha á súa estaca. Sorprendeume, porque (á noite) quedaran alí as catro. Fun ata alí e, efectivamente, faltaban dúas, as mellores", explica Rafael Pazos, o gandeiro vítima do roubo.
Fala da fenda económica que lles supón e destaca que os ladróns foron polas doadas e valiosas: "Levaron as dúas mellores; as máis grandes e máis gordas. Claro, estaban atadas. Chegaron alí, as vacas mansiñas... colleron e leváronas sen impedimento ningún. O valor é de dous mil euros para enriba cada unha. Catro mil euros as dúas".
Os animais roubados están provistos de crotal como corresponde, e os donos están a facer indagacións na procura das vacas. Unha delas entende por Castaña: "É unha vaca grande, cun corno máis grande que o outro, porque lle rompeu un cando as merquei", explica Rafael, e engade que "a máis clariña chámase Blanca e ten os cornos grandes botados para adiante e volteados cara a enriba. As vacas están mantidas, están boas".
Rafael considera que quen roubou das súas dúas vacas foron ao fácil para ladróns nocturnos: animais mansos, atados e próximos a un camiño para cargalos nun vehículo.