Rouban nunha igrexa de Amoeiro varias cruces, un caliz e unha pía bautismal
Rouban nunha igrexa de Amoeiro varias cruces, un caliz e unha pía bautismal
Os ladróns buscaron o acubillo da madrugada e os veciños non se decataron do asalto
Había varios anos que non roubaban na igrexa de Santa Mariña de Fontefría, no concello de Amoeiro. Desta volta os delincuentes levaron cruces, un cáliz e unha pila bautismal pequena, ademais de tamén moedas dos lampadarios.
"Chegamos aquí e a nosa sorpresa foi que estaba a porta rebentada. Entraron e roubaron un cáliz, o copón, unha pía bautismal pequeniña que era moi bonita; tres ou catro cruces. Levaron varias cousas así. A cruz era moi bonita era a que se sacaba en procesións. A pía era de granito e non sei porque a roubaron", asegura Serxio Sarmiento Presidente da Asociación da Igrexa.
A porta aínda ten as marcas dunha panca de ferro. A igrexa agora está a espera dunha pechadura, pero está ben pechada e non poden entrar nin os veciños. Os residentes, desgustados, deron a alerta á Garda Civil. Acudiron ao lugar catro axentes para facer unha inspección do lugar e recoller as posibles pegadas que puideron deixar atrás os ladróns. Non é a primeira vez que rouban en Santa Mariña.
"Xa entraron dúas veces máis, unha entraron pola sacristía, outra pola fiestra da fachada romperon o cristal e entraron por aí, pero levaron o que había nos petos nada máis. O que vén meterse a un cemiterio, a unha igrexa, a un sitio destes, que non se mete con ninguén, o que non queira vir que non veña pero isto non é normal", di Sarmiento
Os ladróns asaltaron a igrexa de madrugada, sen que ningún veciño chegase a decatarse nin ver vehículos ou sospeitosos xa que a casa máis próxima está a uns 200 metros do templo. O día do roubo o cura estivo preparando a liturxia para o día seguinte ata as nove da noite, hora na que saben con seguridade que todo estaba no seu lugar.