Rouban nunha igrexa de Boiro xoias valoradas en 8.000 euros
Rouban nunha igrexa de Boiro xoias valoradas en 8.000 euros
A Garda Civil abriu unha investigación para dar cos autores
É o segundo roubo que sofren na igrexa de Santo André de Cures
Os ladróns volveron facer das súas no Barbanza. A madrugada do martes ao mércores entraron roubar na igrexa de Santo André de Cures, en Boiro. A voz de alarma deuna unha veciña contra as dez da mañá. Cando se dirixía ao cemiterio viu que a porta lateral estaba rebentada pola metade e rapidamente avisou a sancristá; foi a primeira en acceder ao interior tras o roubo.
Marisol Laíño, sancristá da igrexa, di que primeiro intentaron acceder á igrexa pola porta principal e por unha fiestra, pero sen éxito. Despois di que comezaron a traballar duro para botar abaixo a porta lateral. Unha vez dentro levaron varias cadeas de ouro que levaban tres virxes.
O que deixaron atrás foi un cáliz de ouro de gran valor. Marisol Laíño, sancristá da igrexa, asegura que non o levaron porque estaba gravado.
O cura da parroquia denunciou ante a Garda Civil o roubo de nove cadeas de ouro con cadansúa medalla que levaban varias virxes. Están valoradas nuns oito mil euros. Os axentes abriron unha investigación para intentar dar cos autores deste roubo con forza.