Rueda destaca o empuxe da pesca conxelada galega, que facturou 30 % máis
Rueda destaca o empuxe da pesca conxelada galega, que facturou 30 % máis
O presidente da Xunta destaca o pulo da pesca conxelada galega, que aumentou un 30 % as vendas na primeira metade do ano.
Na visita á empresa Congalsa, na Pobra do Caramiñal, Alfonso Rueda dixo tamén que a unión en defensa da cadea mar-industria galega conseguirá superar as amezas que se lle presentan.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este venres o empuxe e o potencial da pesca conxelada galega, un sector que no primeiro semestre do ano facturou 158 millóns de euros, un 30 % máis que un ano antes.
"É o mellor resultado en canto a facturación desde 2019", dixo Rueda tras visitar as instalacións de Congalsa na Pobra do Caramiñal (A Coruña), sinala a Xunta nun comunicado.
A primeira venda desta frota ascendeu a 37.000 toneladas nos seis primeiros meses do ano, principalmente de peixe espada, quenlla, pota arxentina e fletán negro.
Segundo o presidente do Executivo autonómico, o sector pesqueiro galego está a resistir o impacto da crise "a pesar dos efectos da pandemia, dos custos de produción pola guerra de Ucraína e do prezo da enerxía e dos combustibles", o que supón un "éxito" desta industria, pero tamén "de toda Galicia", que ratifica que é unha "potencia mundial".