Rueda ofrecerá pactos á oposición no discurso de investidura
Rueda ofrecerá pactos á oposición no discurso de investidura
O candidato di que centrará as mensaxes nas "receitas" que prometeu na campaña en materia de sanidade, educación, servizos sociais, o emprego ou o futuro industrial
O Parlamento galego acolle a sesión de investidura de Rueda, que arrinca este martes coa intervención do candidato que, xa o xoves, se someterá á votación tras a réplica dos grupos representados no hemiciclo
Tanto BNG como PSdeG tamén ofrecen "a man tendida" a Rueda, pero agardan un discruso "continuista"
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, avanza que centrará o seu discurso de investidura nos asuntos que "lles preocupan" aos galegos e que ofrecerá pactos á oposición. O debate de investidura comezará este martes ás 9:30 no Parlamento de Galicia.
Rueda vai defender un programa de goberno "para todos os galegos" que sirva para sentar as bases da Galicia "da próxima década" e que siga sendo "un exemplo de sentidiño, de estabilidade e de xestión" fronte ao "caos" da política estatal, avanzaron fontes da Xunta.
Así, no seu discurso non faltarán referencias á situación política estatal e a "preocupación" que xera, fronte ao que poñerá de exemplo a Galicia como unha terra "orgullosa da súa autonomía, da súa identidade e da súa lingua", polo que "fará oír a súa voz" como "parte do proxecto común que é España".
Tarde de estudo para o #DebateInvestidura2024.
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) April 8, 2024
Mañá falarei dos temas que máis preocupan á cidadanía: a sanidade, a educación, os servizos sociais, o emprego, o futuro industrial…
Aspiro a ser o presidente de todos os galegos pic.twitter.com/GdQ59c91u7
Por iso, ten previsto destacar os "avances" de Galicia no marco do Estatuto de Autonomía e da Constitución e defenderá "o modelo galego de autogoberno e concordia fronte a iniciativas separatistas".
A preguntas dos xornalistas nun acto en Santiago, Rueda explicou este luns que non será un discurso longo e que centrará as mensaxes nas "receitas" que prometeu na campaña en materia de sanidade, educación, servizos sociais, o emprego ou o futuro industrial "con sentidiño e obxectividade".
O xefe do Goberno galego en funcións dixo que "intentará" convencer a oposición para que lles dean o seu apoio e que, en todo caso, ofreceralles pactos para a lexislatura "nun par de asuntos importantes". Rueda afirmou que as súas propostas serán para todos os galegos.
Aínda que os representantes do BNG e do PSdeG xa avanzaron que “dixese o que dixese, o seu voto será en contra”, Rueda, con todo, di que buscará o seu apoio.
“Non espero convencelos pero vouno tentar”, chanceou Rueda, que dedicará esta tarde a preparar o seu discurso de investidura na cámara, o segundo ao que se somete, xa que el xa pasou por este proceso de solicitar o apoio do Parlamento cando en maio de 2022 substituíu a Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta.
O BNG di non esperar "moito" do discurso de investidura de Rueda
A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, sinalou que no seu partido "non esperan moito" do que vaia ocorrer co discurso de Alfonso Rueda, que abrirá a sesión de investidura no Parlamento, aínda que matizou que deixan "algo de marxe de dúbidas".
"A ver que nos propón o candidato do Partido Popular no seu discurso", declarou Rodil, que asegurou que a líder do Bloque, Ana Pontón, está a traballar na súa intervención pero que está á espera de que é o que traslada Alfonso Rueda este martes.
Con todo, destacou que desde o Bloque ofrecen "a man tendida" para poder "chegar a grandes acordos que melloren as condicións de vida da xente deste país".
Sinalou que van ao debate de investidura coa vocación de "presentar a alternativa que representa o BNG", partido ao que apoiou "case medio millón de votantes" nas pasadas eleccións.
Tamén reiterou que votarán en contra da investidura de Rueda porque o candidato do PP "non representa nada novo" e continúa coas mesmas políticas que a dereita leva desenvolvendo nos últimos anos e que fixeron "retroceder" a comunidade en materia de sanidade pública, en ciencia e investigación ou en industria.
Besteiro pedirá ao novo goberno da Xunta unha "blindaxe" dos servizos públicos
O portavoz do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou a súa intención de reclamar ao novo goberno da Xunta unha "blindaxe" dos servizos públicos.
Besteiro indicou nunha conferencia de prensa que no debate deste martes no Parlamento de Galicia o seu partido aspira a reclamar, ademais da "blindaxe" da saúde pública, os servizos sociais e o sistema educativo, unha "xestión transparente para os próximos catro anos".
Manifestou que a poboación de Galicia debe "esperar 15 días para unha cita médica", unha media de 362 días para a resolución de axudas públicas para persoas con problemas de dependencia e "dificultades para acceder a unha vivenda".
Por iso, para o PSdeG hai "unha verdadeira preocupación e unha verdadeira obsesión" polos servizos públicos, comentou, o portavoz parlamentario desa formación.
Besteiro reprochou que houbo "un pouco de rapidez nos últimos catro meses para convocar as eleccións" autonómicas en Galicia, así como un "movemento intenso" do Goberno da Xunta nas datas previas aos comicios para a "execución de determinadas partidas" orzamentarias, entre elas de "subida salarial in extremis" a algúns colectivos e "apoio a determinados sectores no último momento".
Esa precipitación, segundo Besteiro, contrasta cun "período de calma chicha" tras os comicios, nos que o PPdeG obtivo maioría absoluta.
O PSdeG fará unha "oposición construtiva, rigorosa e firme", dixo o dirixente socialista, e engadiu que o seu partido terá a "man tendida para chegar a acordos de país" no Parlamento de Galicia.
O PP expresa a súa "confianza noo proxecto" de Rueda
O portavoz parlamentario do PP de Galicia, Alberto Pazos Couñago, expresou a "confianza no proxecto" do líder dos populares galegos, Alfonso Rueda, ante a súa investidura, o que contrapuxo ás iniciativas "resesas" da oposición.
Segundo Pazos, debullaranse no Parlamento "os obxectivos do novo Goberno galego ante unha nova investidura que os populares avanzan que estará "marcada pola estabilidade, a confianza e a unidade".
Tras manifestar a confianza no "proxecto" de Rueda e censurar que BNG e PSdeG avanzasen o seu non á investidura "sen esperar" a escoitar o discurso, o portavoz popular sinalou que o grupo xa presentou un centenar de proposicións non de lei sobre asuntos "fundamentais" para a economía e a sociedade galega.
Entre elas, destacou a petición ao Goberno central dun novo "marco estable" para as empresas electrointensivas, a ampliación da redución do IVE á carne, o peixe e o marisco ou a "axilización" do PERTE cadea-mar industria.
Todas, segundo Pazos Couñago, son "propostas asumibles" que ve "afastadas das iniciativas resesas e afastadas dos intereses de Galicia" que presentaron os grupos da oposición e que, di, "moitas xa foron debatidas e refugadas no Parlamento".
Así será o debate
O debate iniciarase este martes ás 9:30 da mañá coa intervención do candidato e presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, que ten garantida a súa reelección ao contar coa maioría absoluta do seu partido.
O seu discurso non terá límite de tempo e tras finalizar suspenderase a sesión ata 48 horas despois, polo que o debate non se reiniciará ata o xoves pola mañá.
Será entón a quenda dos grupos da oposición, que terán un tempo de 35 minutos para a súa primeira intervención, pola mañá, antes de que se suspenda a sesión. Pola tarde retomará Rueda coa súa réplica e despois os grupos terán dez minutos para as súas segundas intervencións.
Trátase dos mesmos tempos que tiveron os grupos parlamentarios nas investiduras das últimas lexislaturas, a pesar de que nesta ocasión súmase, ao grupo socialista, nacionalista e popular, a intervención do deputado de Democracia Ourensana (DO), Armando Ojeaa, único integrante do grupo mixto.
Os grupos intervirán, como é habitual, en orde de menor a maior representación, polo que será Ojea quen inicie as quendas, que pechará o portavoz parlamentario popular, Alberto Pazos.
Unha vez que Rueda volva intervir para pechar o debate celebrarase a votación e a súa proclamación como presidente da Xunta, o sexto nas doce lexislaturas desde 1981.