Publicador de contidos
Publicador de contidos

O inspector da Capitanía Marítima, no xulgado: "O Pitanxo cumpría coas medidas de seguridade"

O inspector da Capitanía Marítima, no xulgado: "O Pitanxo cumpría coas medidas de seguridade"

Os avogados do Grupo Nores Marín difunden nun comunicado as declaracións do inspector da Capitanía Marítima de Vigo perante o xulgado Central de Instrución número 2

Segundo os letrados, o perito manifestou en sede xudicial o pasado 9 de febreiro que non constatara deficiencia ningunha no buque

A inspección acontecería días antes da derradeira marea do Pitanxo

G24.gal 14/02/2024 13:58

O inspector da Capitanía Marítima de Vigo declarou que o pesqueiro galego Villa de Pitanxo "cumpría integramente" coas medidas de navegabilidade e seguridade legalmente esixibles e non constatou ningunha deficiencia no buque.

Así o diría perante o Xulgado Central de Instrución número 2 o pasado venres, día 9 de febreiro, segundo recollen nun comunicado os letrados da defensa do Grupo Nores Marín, a armadora do barco.

A inspección acontecería días antes da derradeira marea do Pitanxo

Na inspección, que duraría máis de 15 días e que se realizou días antes da última marea do Pitanxo, o inspector indicou que o buque non fora obxecto de ningunha reforma ou modificación que non estivese contemplada nos planos e documentación oficial.

Ademais, na mesma asinouse un recoñecemento do equipo existente a bordo, incluíndo ata 24 chalecos e 24 traxes, número que se corresponde co que consta no plano de salvamento do buque e co número de tripulantes que ían no momento do seu naufraxio. Así mesmo, o inspector asegurou que estes equipos estaban homologados e en bo estado.

O home tamén diría, segundo os avogados de Grupo Nores, que lle consta que persoal de seguridade da Capitanía Marítima asistiron en varias ocasións a simulacros de emerxencia a abordo do Pitanxo.

Logo de lle ler a declaración dun dos sobreviventes, Samuel Kwesi, en que dicía que non existía un documento que se chama cadro orgánico no que se explica que facer en caso de emerxencia, o profesional respondeu que si había diversos exemplares en varias zonas do buque e neles se contemplaba como debería actuar cada tripulante en caso de emerxencia e a función que se lle asignaba.

Por último, tamén confirmaría que paralelamente á súa inspección, o barco foi inspeccionado pola sociedade de clasificación Buerau Veritas, que sen ser obrigatorio, foi requirido pola empresa armadora engadindo un plus de seguridade.

O naufraxio acabou coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo

O pesqueiro galego Villa de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros da costa de Terra Nova (O Canadá) en febreiro de 2022, acabando coa vida de 21 dos 24 mariñeiros a bordo. A partir de aí, as familias dos falecidos iniciaron unha serie de accións para tratar de esclarecer os feitos, polo que sempre pediron que se baixase ao pecio para atopar probas do que puido ocorrer.

Durante a instrución, o xuíz tomou declaración ao patrón do pesqueiro, Juan Padín -en calidade de imputado-, ao seu sobriño Eduardo Rial e ao mariñeiro Samuel Kwesi, como testemuñas, ao ser os únicos sobreviventes do naufraxio. Tamén acudiron perante o maxistrado da Audiencia Nacional Ismael Moreno, que investiga o ocorrido, directivos da armadora Grupo Nores, así como antigos mariñeiros do barco, entre outros.

A investigación xudicial débese a que Samuel Kwesi ofreceu unha versión que contradí a exposta por Padín e Rial, e que apuntaría a posibles neglixencias por parte destes que desencadearían na traxedia.

Tras tomarlles declaración, o maxistrado prohibiulle saír de España ao patrón do pesqueiro, retiroulle o pasaporte e impúxolle a medida cautelar de comparecer cada quince días en sede xudicial e permanecer localizado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade