Sen atraccións nas festas da Guarda á espera do permiso municipal
Sen atraccións nas festas da Guarda á espera do permiso municipal
O Concello quere examinar en profundidade a documentación para garantir a seguridade
Os feirantes aseguran que teñen a documentación en regra e piden que se axilicen os trámites
O suceso de Matamá está a condicionar as festas en Galicia. Onte comezaban na Guarda as Festas do Monte e, polo de agora, as atraccións continúan pechadas. E así van seguir porque desde o Concello emitiron un comunicado en que din que a documentación presentada por parte dos feirantes non cumpre coa normativa vixente.
As Festas do Monte quedan de momento sen atraccións. Con todo listo na Guarda, os feirantes din que teñen toda a documentación das atraccións en regra, á falta só do permiso para poder abrir, que tiña que chegar onte. Din que lles está a pasar factura o fatal accidente nas festas de Matamá en que morreu un home. Dende o Concello xa anunciaron esta mañá que non darán o visto e prace mentres non se poida garantir a seguridade despois de revisar toda a documentación.
Quéixanse de que pagan xustos por pecadores. O propietario do Saltamontes está especialmente afectado, porque eles son moi rigorosos coa seguridade e o mantemento da atracción.
Dende a comisión de festas tampouco entenden que a burocracia privara os veciños dun día das festas. Todos eles son conscientes de que o primordial é a seguridade, e piden ao Concello que axilicen as tramitacións dos documentos e os informes para arrancar unha festa que tiña que comezar onte.