Sen fibra óptica a cinco quilómetros do centro de Lugo
Sen fibra óptica a cinco quilómetros do centro de Lugo
Veciños da parroquia de Carballido precisan este servizo nos seus quefaceres diarios
Malia viviren a cinco quilómetros do centro da cuarta cidade galega, os residentes na parroquia luguesa de Carballido aínda non teñen acceso á fibra óptica. Entre os lugares das Casas da Viña e de Vilar Queimado, hai en total unhas quince vivendas que carecen deste servizo.
Segundo sinalan os afectados, ata aquí só chega o 3G e a conexión fixa de que dispoñen é demasiado lenta. Como resultado, tanto os escolares coma os veciños que teletraballan en ocasións mesmo teñen que marchar a Lugo para poder facer uso de Internet.
Os veciños dos núcleos sen fibra comezaron a súa loita en 2021, cando lles remitiron os primeiros escritos á Xunta e ao Concello de Lugo.
Quéixanse de que, nestes tres anos, a compañía telefónica que cobre os arredores non se dignou a darlles o servizo, mentres que outra empresa do sector só instalou caixas que nin tan sequera dispoñen aínda de conexión.
Mentres non se soluciona o problema, os afectados seguirán dependendo dunha tecnoloxía que hai décadas que falla cada vez que hai mal tempo.