Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ser refuxiado: ter outro idioma, outra cultura, vivir ao día, ser invisible

Ser refuxiado: ter outro idioma, outra cultura, vivir ao día, ser invisible

A última década o número de persoas refuxiadas duplicouse ata alcanzar os 100 millóns en todo o mundo

G24.gal 20/06/2022 11:08 Última actualización 20/06/2022 15:59

Guiti é unha muller afgá, refuxiada en Galicia. Este luns relatou no informativo Bos días a súa experiencia e como foi a súa chegada. Explicou que en poucas horas, en medio dunha situación de pánico, tiveron que decidirse, deixar todo atrás e fuxir, sen saber que destino lles agardaba.

Entre outras cousas contou como foron esa espera no aeroporto, sen saber se finalmente sairían do país, como a xente alí choraba e tiña medo, pero finalmente lograron subir a un avión que os levou a Dubai e despois a Madrid.

Na última década o número de refuxiados duplicouse en todo o mundo. Hoxe, no Día Mundial do Refuxiado, o Bos días achegouse á realidade destas persoas que dun día para outro teñen que empezar de cero. En moitos casos a primeira barreira é o idioma, pero as trabas non acaban aí.

A desactualización dos datos impide saber cantos son realmente os refuxiados que nestes momentos hai en Galicia. Isto redunda noutra desas barreiras: a invisibilización destas persoas

Saray Durán é a directora da ONG Ecos do Sur explica que "as persoas poden chegar por vía de familiares ou amizades que teñan aquí, entón entran no sistema nacional de acollida, e esas persoas as veces tardan en regular a súa situación de refuxiados, en solicitar o asilo, e incluso poden chegar á ONG porque os seus familiares coñécena de antes, como referente de acceso aos recursos e á información".

"Se veñen e coñecen o sistema de acollida ou outras vías, si que entrarían as entidades que agora mesmo están xestionando a primeira acollida", conta Saray.

"Ecos do Sur ademais de ser unha entidade que presta servizo de acollida, tamén ten servizos de itinerarios personalizados de inserción, e ofrecemos asesoramento social, xurídico, que é moi importante para regularizar a súa situación, mediación intercultural e interpretación e tradución, e todo tipo de servizos para acceso a recursos esenciais ademais de acompañamento para acceso ao emprego", di a directora de Ecos do Sur.

"O papel fundamental é dos mediadores interculturais. Grazas a eles, ademais de romper as barreiras idiomáticas, tamén aprendemos valores culturais diferentes, e é moi importante coñecelos para facilitar a súa integración", explica para que se entenda como é o seu traballo.

"Os recursos están saturados, sobre todo o primeiro é regularizar a situación desta xente. Sabemos que hai canles urxentes como a que se puxo en funcionamento para Ucraína, pero o resto están moi saturadas", lamenta Saray Durán. "E iso dificulta porque unha vez que unha persoa ten a súa solicitude de asilo, si que pode acceder a máis recursos que as que están en situación irregular".

A chegada de refuxiadas, principalmente mulleres con nenos, que foxen da guerra en Ucraína fixo que os poucos recursos dos que dispoñen se tivesen que estirar aínda máis para poder atender a todos. "Nós, de feito, a través da Rede Acolle temos un centro, con oito persoas, practicamente en exclusiva para ucraínos", explican desde Ecos do Sur.

Fuxiron da guerra, de réximes totalitarios ou de conflitos políticos nos seus países de orixe. Son un grupo de refuxiados de Ucraína, Afganistan, Siria ou Colombia, que chegaron a Galicia e que contan coa axuda das oenegués para empezar unha nova vida. 

En Galicia son algo máis de 3.100 as persoas acollidas en situación de refuxiados,dúas mil trescentas noventa e catro son de Ucraína, segundo os datos achegados hoxe con motivo do Día Internacional das Persoas Refuxiadas.

A ONU pide resolver uns conflitos que xa producen 100 millóns de refuxiados

Os líderes políticos mundiais "non poden ou non queren resolver conflitos" que produciron unha cifra récord de 100 millóns de desprazados dentro e fóra dos seus países, destacou o alto comisionado da ONU para os refuxiados, Filippo Grandi, quen pediu maior vontade política para lograr a paz.

Nunha mensaxe con motivo deste Día Mundial dos Refuxiados, Grandi indicou que a guerra de Ucraína engadiuse ás emerxencias en EtiopíaBurkina Faso, Myanmar, Nixeria, Afganistán ou a República Democrática do Congo para pasar en 2022, por primeira vez, os 100 millóns de persoas desprazadas e refuxiadas.

"A falta de solucións aumenta mentres o número de xente que se ve obrigada a fuxir supera ao das persoas que poden retornar", subliñou Grandi, quen con ocasión da xornada mundial visita Costa do Marfil.

O país de África occidental, que no últimos dez anos foi testemuña do retorno de 310.000 refuxiados (un 96 % do total), é un exemplo de que "os líderes poden traballar xuntos para lograr a paz e atender as dificultades dos desprazados", subliñou o máximo responsable da Axencia da ONU para os Refuxiados (ACNUR).

O informe anual sobre desprazados e refuxiados da axencia, publicado a semana pasada, indicou que en 2021 o colectivo alcanzou a cifra récord de 89,3 millóns de persoas, pero en 2022 este colectivo xa superou os 100 millóns por mor de conflitos como o de Ucraína.

Desprazados e refuxiados aumentaron en 2021 por décimo ano consecutivo, e a súa cifra total é máis do dobre da de hai unha década.

Os colectivos máis numerosos de refuxiados (persoas que fuxiron a países distintos ao seu) eran os procedentes de Siria (6,8 millóns), Venezuela (4,6 millóns) e Afganistán (2,7 millóns), pero agora deben considerarse os 5,1 millóns de ucraínos.

En canto aos países de destino, Turquía segue sendo o que máis refuxiados acolle (3,8 millóns, na súa maioría procedentes de Siria), seguido de Colombia (1,8 millóns, principalmente venezolanos), Uganda (1,5 millóns procedentes da República Democrática do  Congo) e Paquistán (1,5 millóns de afgáns). 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade