Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prisión para tres dos sete detidos na operación antidroga de Ferrol e A Coruña

Prisión para tres dos sete detidos na operación antidroga de Ferrol e A Coruña

Os demais implicados quedaron en liberdade, aínda que coa obriga de asistir ao xulgado cando se estime oportuno

O operativo serviu para desarticular un grupo dedicado á distribución de estupefacientes a outros puntos de Galicia

As detencións producíronse en Caranza, no barrio de San Pablo de Ferrol e na Coruña

G24.gal 30/05/2024 14:16 Última actualización 30/05/2024 20:06

A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol ordenou este xoves o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza de tres das sete persoas detidas desde o inicio desta semana nun operativo antidroga nos arredores de Ferrol e A Coruña.

Fontes xudiciais confirmaron a Efe que os restantes implicados quedaron en liberdade, aínda que coa obriga de acudir aos xulgados cando se estime oportuno. As mesmas fontes apuntaron que varios dos involucrados contan con antecedentes por feitos similares. Ademais, ratificaron que o operativo permitiu desarticular un grupo dedicado á distribución de estupefacientes a outros puntos de Galicia.

A operación arrincou o luns coa detención de tres persoas que viaxaban no mesmo coche por Caranza. Despois, os axentes da Policía Nacional rexistraron varias vivendas do barrio de San Pablo e acabaron arrestando outros tres sospeitosos.

Os investigadores cren que poderían dedicarse a vender e distribuír droga en Ferrol e noutras localidades da provincia. De feito, a sétima e última detención produciuse na Coruña.

Os detidos declaran arestora no interior do Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol. O caso está baixo segredo xudicial e a investigación continúa, posto que sospeitan que a rede podería ter otros puntos de distribución pola comarca. Non se descarta que haxa máis detencións a medida que avancen as declaracións. 

Mentres, nas inmediacións do xulgado, congrégase un numeroso grupo de familiares para prestar apoio aos detidos. Xa o fixeran durante as actuacións policiais nas vivendas de San Pablo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade