Publicador de contidos
Publicador de contidos

Silencio e emoción para recordar as sete vítimas de Noiteboa

Silencio e emoción para recordar as sete vítimas de Noiteboa

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, onde ao mediodía se gardou un minuto de silencio, quixo trasladar un exercicio de "humanidade" e de "consternación colectiva" ante un suceso que cualificou como "inxusto"

Nigrán, Lalín, Agolada ou o Carballiño son algunhas das vilas nas que choran a perda dos seus veciños

G24.gal 26/12/2022 13:17 Última actualización 26/12/2022 15:09

As persoas congregadas no mediodía deste luns en Cerdedo-Cotobade gardaron, emocionadas, un minuto de silencio polo accidente do autobús que en Noiteboa marcou a fin da vida de sete persoas dun modo "totalmente inesperado".

Así o aseguraba o alcalde da vila, Jorge Cubela, que lamentou un suceso "inxusto", e confiou en que, a través deste acto cívico de recordo, fose posible trasladar un exercicio de "humanidade" e de "consternación colectiva". Fronte ao abatemento, expresou, "hoxe, máis ca nunca", empatía.

E aínda que o rexedor recoñeceu que diante dun acontecemento de "estas magnitudes", e dos "momentos de incomprensión e dor" aparellados, nada hai que poida reconfortar as perdas, fixo valer que o sentir das persoas que quixeron xuntarse para un "simbólico abrazo" e "impulso superador" ante o "golpe recibido".

Un acto de solidariedade ao que se sumou todo un pobo conmocionado pola traxedia dunha Noiteboa que nunca esquecerán. 

Nigrán chora a Eneas, a vítima máis nova

Tamén é día de dó en Nigrán, de onde era natural a vítima máis nova deste tráxico accidente. Eneas Valverde tiña 21 anos e regresaba pasar a Noiteboa á súa casa dende Lugo, onde estudaba.

En Nigrán hoxe as bandeiras ondean a media hasta e decretáronse tres días de loito oficial polo falecemento de Eneas Valverde. O rapaz pertence a unha familia ben coñecida no Val Miñor, onde a súa nai, como xa fixeran os seus avós, rexenta unha xoiería.

Eneas tamén era moi querido no mundo do deporte, onde chegou a ser subcampión galego de boxeo. Os seus amigos e compañeiros lémbrano como un amante do deporte, pero sobre todo como unha gran persoa.

Javier Fernández foi o seu adestrador e destaca que "era puro amor e irradiaba felicidade en calquera momento". Tamén o coñecía ben Antonio Reouras: "comezou facer taekwondo cando tiña cinco anos, era moi inquieto e tíveno que subir de grupo porque destacaba".

Este curso comezara a estudar en Lugo. O sábado regresaba a Nigrán para pasar as festas coa súa familia cando se produciu o tráxico accidente.

Recordo para Cruz e Jaime en Lalín

Tres das vítimas mortais deste accidente vivían en Lalín. Dúas delas, eran nai e fillo, naturais do concello de Agolada. Tanto neste municipio como no veciño de Lalín os veciños están consternados pola traxedia.

Dous dos falecidos eran nai e fillo, Cruz Castro Eiras e Jaime Val Castro, de 70 e 40. Colleran o autobús para pasar a Noiteboa en familia en Pontevedra. 

Vivían en Lalín, pero eran naturais do veciño concello de Agolada, onde as bandeiras tamén ondean a media hasta. 

Mercedes ía cear a Pontevedra

De Agolada era outra das vítimas, Mercedes Castro Blanco, unha gandeira xubilada de 58 anos. Moi querida na zona.

Tamén ía cear a Pontevedra coa súa irmá e a súa filla. Collera o autobús para evitar conducir por mor do temporal. 

Durante toda a mañá amigos e familiares achegáronse ao tanatorio para despedila. Ás catro da tarde será enterrada na parroquia de Carmoega, onde vivía.

En Lalín residía unha cuarta vítima. Guadalupe Díaz, que foi profesora de secundaria en dous institutos da vila. 

Conmoción no instituto do Carballiño onde traballaba Guadalupe

Os compañeiros de Guadalupe, de 44 anos de idade, natural de Lugo, choran a súa morte no tráxico accidente. A vítima comezou a traballar este curso no instituto de ensino secundario número 1 do Carballiño, onde os profesores e os alumnos están consternados.

"É un golpe durísimo, unha tráxica noticia difícil de asimilar. O Carballiño está de loito, choramos desde que sabemos esta noticia. Faremos unha homenaxe á volta de Nadal simbolizando o que era ela: luz, unión", di a directora, Almudena Mosquera.

Guadalupe traballou con anterioridade en dous institutos de Lalín. Nun deles xa coincidira coa directora actual do instituto do Carballiño.

"Traballara con ela un ano precioso no IES Ramón María Aller Ulloa. Desde aquí tamén a nosa solidariedade con dous centros educativos de Lalín que me consta tamén a choran, o Aller Ulloa e o Laxeiro co que tivo tamén tanto contacto".

Nai de dous fillos pequenos, un neno de oito anos e unha nena de cinco, Guadalupe collera o autobús para pasar a Noiteboa coa súa nai e os seus irmáns.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade