Subirats asumirá a carteira de Universidades o próximo luns
Subirats asumirá a carteira de Universidades o próximo luns
O presidente do Goberno confirmou hoxe a remuda no seu gabinete
O próximo luns, Manuel Castells cederalle a carteira de Universidades a Joan Subirats. O ministro saínte e o entrante comparten traxectoria académica, pero distáncianse no perfil político, moito máis marcado no novo titular. De feito, Subirats é un dos fundadores dos comúns e mentor político de Ada Colau, a quen acompañou como concelleiro en Barcelona ata hai cinco meses.
Esta mañá, a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, desexáballe "toda a sorte ao novo ministro" e amosábase convencida de que "estará á altura para culminar moitos dos traballos que se iniciaron neste ministerio na súa primeira temporada".
Terá que sacar adiante Subirats a futura lei de Universidades. O anteproxecto que deixa Castells provocou protestas de reitores e estudantes. Aínda así, o presidente do Goberno confía nas súas cualidades para rebaixar a crispación política. "Proximidade, empatía, diálogo, respecto, deben seguir sendo as máximas do Goberno de España para que entre todos logremos dignificar a actividade política e fortalecer as institucións democráticas, con boa educación, con serenidade", apuntaba Pedro Sánchez nunha declaración institucional.
Dende a oposición, critican o nomeamento de Subirats por participar no referendo ilegal do un de outubro. Para Inés Arrimadas, presidenta de Ciudadanos, "é absolutamente demencial que Sánchez faga ministro a un señor que alentou a maior ilegalidade contra a democracia española".
Dende o PP critican ademais o tamaño do gabinete de Sánchez, que ten 22 ministerios. Pablo Casado apuntaba que este é o décimo ministro que cae, "é como a novela Los diez negritos, van caendo, uns por purgas de Sánchez, outros porque xa non cren no proxecto, ninguén coñecía o que marchou onte e ninguén coñece o que ven".
Quen si se congratula do nomeamento é a vicepresidenta Yolanda Díaz, que ve así reforzada a súa alianza política con Ada Colau.