Tan só catro horas ao día de auga a causa da seca nunha aldea de Baltar
Tan só catro horas ao día de auga a causa da seca nunha aldea de Baltar
Nesta aldea de Garabelos, no concello de Baltar, tiveron que tomar medidas xa a principios do mes de xullo.
"O depósito está baleiro, teñen que pechar a partir da unha do mediodía ata o día seguinte ata as nove da mañá. Hoxe en concreto non hai nin gota de auga, non sabemos que pasou esta noite que non hai nin gota de auga. A situación é un pouco preocupante, a verdade."
Son os propios veciños os que xestionan o servizo e os que tomaron a decisión de restrinxir a auga da traída a catro horas ao día, porque o manancial que nace na serra por vez primeira non dá máis de si.
"Hai que abrila á mañá ás nove e pechala tan pronto falta porque non a hai. A auga vénnos da serra, pero ao non a haber chega ao depósito un fío así."
"Este manancial nunca fallou, pero agora debe ser problema da chuvia, que non chove e en fin..."
Así que os veciños que teñen pozo aínda se van apañando, os que non o teñen procuran organizarse para aproveitar a auga da que dispoñen durante a mañá, só para o imprescindible.
"Non hai gota, cando a dan si, temos algo de auga collemos uns caldeiros, mira eu teño aquí un capacho cheo. Coa seca que hai e unha pouca xente que se incorpora de fin de semana, pois causan estas cousas."
Aquí son apenas vinte veciños mesmo durante o verán. Por iso, din, cómpre colaborar entre todos para facer un uso responsable da auga. Din que non lembran unha situación coma a deste ano.
"Algunha vez houbo algo de escaseza, pero coma isto non."
Din estar preocupados polo que virá nos próximos meses, e confían en que a chuvia acabe por facer acto de presenza máis pronto que tarde.