Publicador de contidos
Publicador de contidos

Torcuato Teixeira: "Non pasamos polo sacrificio da pesca en favor da eólica mariña"

Torcuato Teixeira: "Non pasamos polo sacrificio da pesca en favor da eólica mariña"

O voceiro da Plataforma en Defensa da Pesca afirma que "estes días" concretarán as datas das mobilizacións en Galicia e Asturias en contra do real decreto que regula os parques eólicos no mar

Culpa o Goberno de facer un marco normativo "seguindo as liñas que lle están marcando os lobbys da enerxética"

G24.gal 04/03/2024 10:33 Última actualización 04/03/2024 10:55

A Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños anuncia mobilizacións en Galicia, Asturias e, probablemente, nas Canarias para "poñer diante da opinión pública as vergoñas que supón a posible implantación da eólica mariña no litoral español facéndose de costas totalmente ao respecto do principio de precaución e de costas, por suposto, ao propio sector pesqueiro".

O portavoz da plataforma, Torcuato Teixeira, afirmou que "ao longo destes días" concretarán as datas das protestas que pretenden poñer en marcha en contra do real decreto do Ministerio de Transición Ecolóxica que regula a produción eólica no mar. Así o sinalou nunha entrevista no Galicia por Diante da Radio Galega.

"Un marco normativo marcando polos grupos de presión das enerxéticas"

Considera que o real decreto "nin é protector, nin cando valoramos como se pretende puntuar os posibles proxectos para concesións a trinta anos sorpréndenos que as cuestións de carácter medioambiental e de carácter socioeconómico apenas poidan representar un 30 % e o 70 % restante van ser cuestións puramente económicas".

"Tamén é certo que cando un escoita aos promotores da eólica mariña, que recentemente tiveron un congreso en Vigo, o que veñen dicindo é que para eles esta é unha grande oportunidade de negocio, fundamentalmente. O Goberno o que está facendo é un marco normativo seguindo as liñas que lle están marcando os grupos de presión das enerxéticas", advirte Teixeira.

O portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños anuncia que o colectivo "vai pedir é a retirada dese proxecto. Fundamentalmente, porque non se pode facer un proceso de poxas e un marco normativo para estas poxas sen ter a información científica básica sobre como pode afectar esas concesións e eses proxectos aos recursos mariños das costas españolas e como pode afectar a un sector tan importante que xa está traballando neses lugares sobre os que pretenden facer concesións, como é o sector pesqueiro".

"Non nos opoñemos a que poida haber a enerxía eólica mariña nas augas españolas"

Sobre se é factible a coexistencia da pesca e a eólica mariña, Teixeira pensa que se analizará "cando os nosos científicos nos digan como poden afectar esas estruturas e eses proxectos aos nosos stocks. Imaxinámonos que alguén poida tirar para adiante cun proxecto que poida poñer en perigo a campaña do bonito, a da sardiña ou a do bocarte? Sería impensable".

"Aquí estase tirando para adiante poñendo en exposición pública o marco normativo de concesións e poxas en zonas de stocks pesqueiros sen saber como poden afectar a eses stocks, que son importantísimos desde o punto de vista da biodiversidade e desde un punto de vista socioeconómico", asegura.

Nese senso, Torcuato Teixeira aclara que "non nos opoñemos a que poida haber a enerxía eólica mariña nas augas españolas porque somos dos máis interesados en loitar contra o cambio climático, pero o que non podemos facer é sacrificar ao sector e aos nosos ecosistemas para poñer en funcionamento este tipo de industrias nos nosos mares. Por esa non pasamos e non imos pasar".

"Non está á venda o dano á biodiversidade nin ao sector pesqueiro"

Entende que o Goberno ten "présa" en que saia adiante o real decreto que regula a produción de enerxía eólica no mar. Neste senso di que "nos parece unha irresponsabilidade que xa se queira establecer un marco normativo para facer concesións a trinta anos cando está pendente aínda unha sentenza do Supremo que pode revogar totalmente todo o proceso de ordenación do espazo mariño e, polo tanto, calquera concesión que se dea quedaría totalmente anulada, cos prexuízos para o Estado porque nos podemos encontrar cun 'Castor 2'. É dicir, concesións que fai a administración a determinadas empresas privadas que, en caso de que se anulen, haxa que indemnizar a estas empresas".

Sobre posibles compensacións ás confrarías, o voceiro da Plataforma en Defensa da Pesca di que "nunca van poder xustificar que sacrifiquemos un sector tan importante como o sector pesqueiro. Nin ningunha compensación vai poder xustificar un dano importante á biodiversidade mariña. Non está á venda o dano á biodiversidade nin está á venda o dano socioeconómico ao sector pesqueiro".

Torcuato Teixeira valora que representantes do Ministerio de Transición Ecolóxica comunicasen o venres por carta a súa disposición a reunirse coa Plataforma pero critica que non participe na xuntanza a propia ministra Teresa Ribera.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade