Tres detidos por roubos en igrexas na comarca do Ribeiro
Tres detidos por roubos en igrexas na comarca do Ribeiro
Desmantelado este grupo criminal especializado en roubos contra o patrimonio na zona
Detiveron tres mozos, todos veciños da zona, e impútanlles unha vintena de roubos
O xuíz xa decretou o seu ingreso en prisión
Contra as seis e media da mañá, media ducia de axentes armados e equipados con cascos e chalecos antibalas, irrompían nun edificio da rúa Tomás de Lemos de Ribadavia, unha das máis turísticas da vila, con vistas directas ao castelo medieval.
Buscaban un mozo de 23 anos, veciño da vila malia que se aloxaba nunha vivenda de uso turístico. No piso, os axentes incautáronse de teléfonos móbiles e xoias presuntamente roubadas. Tamén detiveron outros dous mozos, un do concello veciño de Castrelo do Miño e outro de Cortegada.
Os tres detidos, de 22 e 23 anos, pasaron á disposición xudicial no xulgado de Ribadavia, que decretou o ingreso en prisión dos tres. Iso si, dous deles poderían evitar ir ao cárcere previo pagamento dunha fianza.
Unha vintena de roubos
A investigación da Garda Civil de Ourense comezou en decembro de 2022, a raíz dunha serie de roubos en vehículos e igrexas da contorna de Ribadavia. Aos agora detidos impútanlles máis dunha vintena de casos, pero non desbotan que se lles vaian sumando outros a medida que avancen as investigacións.