Tres días de frío e folerpas
Tres días de frío e folerpas
A cota de neve descende aos 500 metros
O anticiclón deixounos e chegou a fronte de aire polar, tan intensamente, que ata en Pedrafita están pasando frío.
"Moito, moito, moito, moito baixaron, baixaron moitísimo que vai un frío do demo", asegura un veciño.
As temperaturas foron baixando e a cota de neve tamén, ata os 500 metros. Isto provoca que hoxe caian folerpas en zonas pouco habituais. Pero no Cebreiro a paisaxe nevada é unha estampa tradicional dos días fríos do inverno.
Foi un día inesquecible o de hoxe para quen vén de visita, sobre todo turistas que veñen de latitudes máis cálidas.
Ana Celia Vázquez, de O Tempo TVG, explica a predición de neve para estes días: "Estará ese sur da provincia de Lugo, tamén en aviso. Sobe a cota, 700, 800 e falamos xa da zona da Ribeira Sacra, que tamén é raro que neve, pero si vai caer bastante precipitación e a cota estará nos 600, 800. Así se vai manter ata o sábado pola mañá".
O máis destacado deste episodio de neve é a súa duración. Mañá aínda teremos frío e folerpas.