Tres menores e un mozo rouban 14 coches en 17 días na Coruña e Pontevedra
Tres menores e un mozo rouban 14 coches en 17 días na Coruña e Pontevedra
Entre finais de abril e os primeiros días de maio percorreron máis dunha ducia de concellos das provincias atlánticas na procura de vehículos abertos ou coas chaves postas
O grupo detido percorreu máis dunha ducia de concellos roubando coches en pouco máis de dúas semanas de abril e maio. Nesta acción colleron o maior dos presuntos implicados, un residente en Ames de 22 anos de idade. Os outros tres son menores e todos, con historial delituoso:
"Eran todos coñecidos, tiñan antecedentes e feitos similares previos case todos eles", segundo o subtenente Fernández.
Os detidos tiñan o seu obxectivo en vehículos que, dada a proximidade da vivenda, o seu propietario deixara aberto ou mesmo coas chaves postas.
"Roubaron 14", di o subtenente Fernández no Cuartel da Garda Civil do Milladoiro. "Vehículos que utilizaban despois para cometer outros delitos, como estafas en gasolineiras, danos nos propios vehículos, dous queimáronos e un aínda está desaparecido", engade o mando da Garda Civil.
Nos rexistros e nos coches a Garda Civil localizou obxectos procedentes de roubos anteriores, segundo o subtenente Fernández:
"Este grupo ao que se dedicaba era a roubar coches, facer carreiras entre eles, fixeron algún roubo esnaquizando as cristaleiras de comercios con eses vehículos. Nos coches que foron aparecendo había material. Algunhas desas cousas están aquí expostas, eran cousas que os propietarios dos coches non recoñecían como propias, polo que se supón que son doutros roubos que polo momento non se aclararon".
A Garda Civil sinala que este material está a disposición dos seus propietarios no cuartel do Milladoiro.