Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres meses despois do atraco a un despacho de loterías en Lugo, seguen a investigarse os feitos

Tres meses despois do atraco a un despacho de loterías en Lugo, seguen a investigarse os feitos

O loteiro denunciara o roubo de 400.000 euros, pistola en man, por uns encapuchados

O caso dera un xiro en febreiro, cando o denunciante fora citado a declarar nos xulgados

Félix Aragunde 04/04/2024 13:28

Tres meses despois do asalto pistola en man á administración de loterías de Lamas de Prado, a policía e o Xulgado de Instrución número 2 de Lugo seguen a investigar o suceso.

Segundo denunciara o loteiro, o pasado 4 de xaneiro dous homes encapuchados fixéranse cun botín de 400.000 euros cando pasaban das oito e media da mañá.

Acontecera, casualmente, minutos antes de que fose levar ao banco máis da metade desa cantidade de diñeiro en metálico, tal como asegurara ante os medios no seu día.

Guillermo Rodríguez, loteiro: "Tiña que facer un ingreso de 230.000, correspondente á retención para lles poder facer fronte aos pagamentos do sorteo de Nadal. E outro tanto era todo o do sorteo do Neno. Esta é xusto a semana que máis diñeiro hai nas loterías".

Ao mes seguinte do atraco a este despacho de loterías de Lugo, o caso deu un importante xiro que puxo o foco sobre o propio loteiro. A mediados de febreiro, a titular do xulgado encargado de realizar as pescudas citábao a declarar en calidade de investigado.

Daquela, Guillermo Rodríguez soubo de xeito oficial que existían sospeitas sobre o seu rol no acontecido.

De feito, a policía nin confirma nin desmente se as cámaras de seguridade do local funcionaban ou se tan sequera gravaron o que realmente pasou na administración de loterías. De feito, o propio loteiro admitira no seu momento que non chegara a ver as imaxes.

"As gravacións eu non as vin. Téñenas eles. Nas cámaras teñen toda a información, tanto de audio como de imaxe", sinalaba Guillermo Rodríguez o pasado 5 de xaneiro. 

Mentres, as incógnitas non deixan de rodear o caso, a investigación sobre o que verdadeiramente puido suceder nesa antevéspera de Reis continúa en marcha.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade