Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un estaleiro familiar de Laxe bota tres bateeiros en menos dunha semana

Un estaleiro familiar de Laxe bota tres bateeiros en menos dunha semana

O traslado das embarcacións polas rúas da vila converteuse nun espectáculo

Teñen como destino O Grove e foron encargados por tres armadores diferentes

G24.gal 04/05/2022 15:02

Os estaleiros adoitan estar á beira do mar, pero o de Fibramar está no monte, a dous quilómetros do porto de Laxe. Normalmente fabrican embarcacións de recreo pequenas e non hai maiores problemas para levalas ata o mar, pero esta semana teñen que entregar tres barcos bateeiros de grandes dimensións.

O dispositivo para cruzar con eles o centro da vila é espectacular. A expectación é máxima ante cada traslado. A veciñanza botouse á rúa para ver pasar o Felipe cos seus vinte metros de eslora. É o segundo dos tres bateeiros que lles encargaron a finais de 2020 e foron capaces de cumprir cos prazos a pesar das dificultades dos últimos anos.

Os tres bateeiros irán para O Grove, aínda que son de armadores diferentes. Dani Carracedo, un dos responsables do estaleiro, di que o desta semana "foi un caso excepcional", xa que tiveron que adaptarse aos prazos marcados por unha subvención da Xunta para rematar o traballo. Recoñece que están "sorprendidos do pouco tempo que nos levou facer os tres barcos", un ano e catro meses.

O irmán de Dani, Javier, relata ademais as dificultades que tiveron que superar para realizar a entrega en tempo e forma: "Collemos a covid de pleno, o tema do atraso de materiais, o embarranco do barco no canal de Suez, xurdíronnos un montón de imprevistos, pero puidémolo sacar dentro do prazo e todo saíu perfecto".

Mañá volverase repetir a escena. Un barco aínda máis grande cruzará o centro de Laxe rumbo á súa botadura. O Indenosa IV agarda a súa quenda no estaleiro e será o maior bateeiro do porto do Grove.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade