Un avogado acepta case un ano de prisión por estafar un cliente en Lugo
Un avogado acepta case un ano de prisión por estafar un cliente en Lugo
Durante o período que dure a condena estará inhabilitado para o exercicio da avogacía
Un avogado, colexiado na Coruña, aceptou unha pena de 359 días de prisión e o pago de multas por valor de 5.380 euros por estafar un cliente que estaba no cárcere cumprindo condena por un delito de abuso sexual.
O fiscal pedía inicialmente unha pena de seis anos de cárcere para el, pero o acordo de conformidade foi posible, entre outras cuestións, porque o acusado, “con carácter previo á apertura do xuízo oral”, indemnizou “os prexudicados coa integridade das contías obtidas fraudulentamente”, o que supón unha “circunstancia atenuante de reparación do dano moi cualificada”.
En virtude dese acordo, o acusado aceptou multa de 3.590 euros e unha inhabilitación de 359 días para exercer a avogacía polo delito de deslealdade profesional; tamén polos delitos continuados de estafa e falsidade, unha pena de 359 días de prisión e a inhabilitación para exercer a súa profesión durante ese tempo.
Por ese delito tamén terá que pagar unha multa de 1.790 euros. O ministerio fiscal acusábao inicialmente de deslealdade profesional e dos delitos continuados de falsidade en documento privado e estafa, “na súa modalidade agravada por perpetrarse aproveitando o acusado a súa credibilidade profesional”.
Segundo o escrito de acusación da fiscalía, o letrado comezou a prestarlle asistencia legal ao seu cliente antes de febreiro de 2016. Un ano despois, en 2017, o seu patrocinado ingresou no centro penal de Monterroso para cumprir unha pena de tres anos e dez meses de prisión por mor dunha sentenza firme da Sala Segunda do Tribunal Supremo por un delito de abuso sexual.
O avogado, que mantiña un contacto “frecuente” co condenado e coas súas irmás, comunicoulles a súa intención de presentar un recurso de revisión “en base á aparición de novos elementos de proba”, aínda que lles dixo tamén que tiña que esperar á resolución dun recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional que el xa sabía que fora inadmitido.
É máis, segundo o fiscal, en 2018, fíxolles crer que ese citado recurso de amparo estaba “preto de ser resolvido de maneira favorable aos seus intereses”, o que facilitaría a súa saída en liberdade. Para iso, pediulles que lle entregasen 2.500 euros, destinados a pagar unha suposta fianza.
Como o seu cliente non saía de prisión, o letrado supostamente díxolles aos seus familiares que o atraso era debido a unha folga dos funcionarios do xulgado de Chantada. De feito, en abril de 2018, “crendo a versión do seu letrado”, o condenado solicitou un habeas corpus, que foi inadmitido polo xulgado de Chantada “tras comprobar” que dita “resolución non existía”.
Posteriormente, co “ánimo de enriquecerse de maneira inxustificada”, tentou facerlles crer aos seus clientes que o Tribunal Constitucional ampliara a fianza a 3.500 euros, polo que lles solicitou que lle aboasen 1.000 euros máis. Para iso, chegou a confeccionar outro documento que simulaba “ser unha copia dun auto do Tribunal Constitucional”.
Finalmente, o seu cliente decidiu contratar os servizos doutro letrado, quen solicitou ao procesado que lle entregase a documentación relativa ao condenado, pero “sendo consciente de que coa súa conduta prexudicaba de forma grave os intereses” desa persoa, non lle entregou os referidos papeis, o que motivou unha “dilación no exercicio das accións legais” no seu beneficio.