Un buque escola e dous cruceiros enchen de actividade o porto de Vigo
Un buque escola e dous cruceiros enchen de actividade o porto de Vigo
No peirao vigués estará amarrado ata este xoves o veleiro escola da Armada indonesia
Milleiros de visitantes ateigan este mércores o porto de Vigo, nunha xornada en que están amarrados alí dous cruceiros, pero tamén un buque escola da Armada indonesia.
Trátase dun dos veleiros escola máis grandes do mundo. Ten 111 metros de eslora e navega con 26 velas. Poderase visitar ata o xoves, antes de continuar singradura con rumbo a Tunisia. Un veleiro que volve á casa, porque foi construído nun estaleiro vigués.
Tamén fan escala en Vigo dous grandes cruceiros. É a estampa do día: fotos, mapas e consultas, as duns visitantes que deixan na cidade importantes beneficios.
Din estes visitantes que chegan dende Inglaterra que aproveitarán para coñecer Vigo e facer compras. Queren comer ben e descubrir a cidade.
Se se cumpren as previsións, será unha temporada histórica para o tráfico de cruceiros en Vigo, con máis de 200.000 visitantes. Algúns deles chegarán na primeira quíntupla escala no porto vigués prevista para setembro.