Un 'chiringuito' da praia de Cabanas, entre os mellores de España segundo Forbes
Un 'chiringuito' da praia de Cabanas, entre os mellores de España segundo Forbes
Os donos de Los Pinares din que a súa máxima é a comodidade para os clientes
Desde que se deu a coñecer a súa inclusión na lista Forbes como un dos mellores chiringuitos de toda España, José Antonio Saavedra, dono de Los Pinares, di que están desbordados.
"Ao final tivemos que montar unha pantalla máis de TPV para coller as comandas, non dabamos atendido as reservas porque nos chegaban 300 ou 400 chamadas e non podiamos collelas todas. Así que agora temos unha aplicación que deriva as chamadas para reserva ao correo electrónico ou ao WhatsApp", explica.
Parte do seu éxito está na cociña, de onde saen pratos elaborados con produtos de proximidade. Cociña avalada polo selo Km 0 MarGalaica.
"As tortillas son con ovos de pitas que están soltas, despois temos a cazola que é con ameixas de aquí e polbo, o ramallo de mar que é a alga percebe, e facemos tamén con luras un arroz negro. E temos ameixas, berberechos, nécoras. As patacas son galegas de Vilalba. O produto é todo local".
Serven a diario máis de 500 comidas e logo ceas. Da atención ocúpase un cadro de persoal dunhas 30 persoas repartidas en dúas quendas de traballo. A súa máxima: a comodidade da clientela.
"En cada mesa hai un botón para chamar o camareiro, as hamacas para o que queira estar relaxado e tomar o sol. Temos cortes de xamón polas tardes, música en directo, facemos queimada no que chamamos a hora bruxa. Do que se trata e de que a xente viva unha experiencia, que o pase ben, que leve un bo recordo noso e volva".
E todo nunha paraxe como o piñeiral da praia da Madalena, no concello de Cabanas, e con vistas ao mar.