Identificado o home que morreu ao caer co coche ao mar en Vilanova de Arousa
Identificado o home que morreu ao caer co coche ao mar en Vilanova de Arousa
É un veciño de Vilagarcía de Arousa de 76 anos de idade
Identificado o home que faleceu na madrugada deste sábado en Vilanova de Arousa despois de que o seu coche se precipitara ao mar dende unha rampla de acceso ao peirao da lonxa. É un veciño de Vilagarcía de 76 anos.
Sobre a unha da mañá un pescador alertou de que había un turismo aboiando, pero que comezaba a afundirse. Segundo dixo, sentiu un acelerón e cando dirixiu a mirada xa viu un coche dentro da auga.
Os servizos de emerxencia activaron un dispositivo de rescate coa incerteza de non saber se había ou non persoas no interior do vehículo.
Ao lugar achegouse Protección Civil de Vilanova, os Bombeiros de Vilagarcía e o servizo de Emerxencias de Cambados, así como a Garda Civil e varias ambulancias do 061.
Os equipos de emerxencias empregaron unha embarcación para achegarse ao turismo e cunha áncora conseguiron localizalo a uns tres metros de profundidade. Foi daquela cando requiriron a presenza do Servizo de Gardacostas de Galicia, que enviou dous mergulladores.
Rescate da vítima
No interior do coche, co cinto de seguridade posto e o coche dado a volta, toparon un home duns cincuenta anos. A auga estaba bastante turbia e había pouca visibilidade. Tiveron que escachar a xanela para rescatalo.
Os servizos médicos conseguiron reanimar a vítima, malia que permaneceu somerxida uns cincuenta minutos no interior do coche. Foi trasladado de urxencia ao hospital Montecelo de Pontevedra, onde acabou falecendo, segundo fontes da investigación.