Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un dos corpos recuperados no naufraxio do Argos podería ser o do noiés desaparecido

Un dos corpos recuperados no naufraxio do Argos podería ser o do noiés desaparecido

Á espera de que o confirme a autopsia

O protocolo británico marca que ata dentro de 15 días non se poderá facer a repatriación

Momento do rescate da balsa do naufraxio do Argos Georgia
G24.gal 31/07/2024 14:52

"Despois de marchar, eu que sei había oito días ou asi, foi cando pasou iso. Había oito días antes estivo aquí, vino eu, foi a última vez que o vin", conta un veciño de Obre

Na parroquia noiesa de Obre están consternados dende que souberon do naufraxio do Argos Gerorgia. Un dos seus veciños, Antonio Barreiro, estaba enrolado no palangueiro e deuse por desaparecido xunto ao ribeirense Juan Antonio García, que compartía con el o traballo na sala de máquinas. Esta semana sen noticias fíxose interminable.

"E que as horas son días, neste plan para min. Imaxina unha nai, ademais hai pouco que lle morreu o pai tamén, xa digo unha mágoa", explica outro

Entre os nove corpos que apareceron sen vida había un que aínda estaba sen identificar, polo que a familia de Antonio Barreiro pediu que se fixera unha segunda verificación dos cadáveres e parece que por unha pulseira pode tratarse do noiés.

Agora toca volver agardar a que se teñan os resultados das autopsias que se van realizar no Reino Unido. De confirmarse a noticia, serían tres os galegos falecidos durante o naufraxio. Os veciños son conscientes que sería un consolo para a familia ter un corpo ao que poder darlle un último adeus.

"Mellor que apareza, non?, e que estea soterrado no seu sitio"

"Home si polo menos ter alguén velar e a quen enterrar, non que estea por aí polo mar abaixo e que non se saiba nada del"

 "Polo menos chorar por algo que está presente e non pensando que está metido no mar, aparecerá, non aparecerá. Iso é unha mágoa", apuntaban en Obre

Tras a autopsia, a repatriación dos cadáveres podería demorarse un par de semanas máis para poder cumprir cos protocolos esixidos polas autoridades británicas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade