Un home intenta acoitelar un antidisturbios durante a celebración do Deportivo
Un home intenta acoitelar un antidisturbios durante a celebración do Deportivo
O casco e o chaleco antibalas salváronlle a vida
O agresor quedou en liberdade á espera de xuízo
O casco e o chaleco salváronlle a vida a un policía que foi agredido cun coitelo durante a celebración do ascenso do Dépor á Segunda División. Ocorreu nesta praza de Catro Camiños, onde o sábado pola noite todo era festa.
O axente formaba parte da Unidade de Intervención policial no amplo dispositivo de seguridade. O aviso dunha pelexa desprazou a súa dotación a un bar da zona. Había un ferido e ao chegar as testemuñas sinalaron o agresor.
O secretario local do SUP na Coruña, Marcos Franco explica que "cando se achegaron a el para identificalo, reacciona, dase a volta e lanza dúas coiteladas. Por sorte para o compañeiro da UIP unha coitelada deulle no casco e a outra no chaleco e non lle provocou feridas".
O agresor foi reducido e posto a disposición xudicial. Trátase dun veciño da Coruña, con antecedentes por roubo con forza e estaba sendo buscado por unha agresión á súa parella esa mesma mañá.
"Ten como trinta detencións no ámbito competencial da Policía Nacional e varias máis no ámbito competencial da Garda Civil. Detivérono non só polo ataque ao policía senón tamén polos malos tratos", engade Marcos Franco.
Quedou en liberdade á espera de xuízo. Inicialmente acusado por un presunto delito de atentado á autoridade sen lesións.
Desde o Sindicato Unificado de Policía din que "hai anos que pelexamos coa administración para que cada policía teña un chaleco. Pero hai policías que aínda nestas datas non teñen o seu chaleco de dotación"
Un chaleco que neste caso repeleu a coitelada nas costas.