Publicador de contidos
Publicador de contidos

Investigan a orixe do lume que destruíu unha nave no polígono do Tambre

Investigan a orixe do lume que destruíu unha nave no polígono do Tambre

A intervención dos bombeiros evitou que ardese unha empresa lindeira con material inflamable

G24.gal 27/01/2024 08:50 Última actualización 27/01/2024 14:55

As lapas devoraron esta noite unha nave no polígono industrial do Tambre, en Santiago. Foi necesaria a intervención de todos os medios dispoñibles, xa que había perigo de que as lapas saltaran ás naves próximas, algunha delas con especial perigo. 

A nave afectada permanecerá pechada ata que técnicos do concello avalíen o estado da estrutura. Aínda que, polo que avanzaron os servizos de extinción, os danos que as lapas causaron na edificación son graves.

"Afectadas foron dúas naves. Sobre todo unha delas, que quedou totalmente estragada, afectando outra con caída de medianeira e con rotura total de cuberta", explica Ángel Paz, sarxento dos Bombeiros de Santiago.

Pasaban das dez da noite cando o 112 comezou recibir chamadas que alertaban da presenza dun fume mesto e lapas nunha das naves.

Ao lugar achegouse a Policía local, Policía nacional e todos os efectivos dispoñibles dos bombeiros, por mor da proximidade dun almacén con produtos inflamables.

"O incendio cando chegamos estaba xa escachado, e xa asomaba pola parte central dunha das naves que foi a quedou máis afectada", asegura o Sarxento.

A extinción demorouse por problemas cunha toma de auga defectuosa, que segundo o concello non detectou a empresa encargada do mantemento, o que obrigou a localizar outras para apagar totalmente as lapas.

"Ata dúas e media da mañá estiveron facéndose traballos. Despois xa nos decatamos que xa sería un traballo máis de custodia".

As tarefas de extinción contaron co seguimento da alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartin, e de varios edís. A Policía científica será a que determine as causas do incendio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade