Un pescador de 40 anos morre en Neda atropelado por un tren que ía cara a Ferrol
Un pescador de 40 anos morre en Neda atropelado por un tren que ía cara a Ferrol
A vítima mortal estaba a pescar canda un amigo nas proximidades da vía
Pasadas as nove da noite deste domingo o último tren da xornada que chega a Ferrol atropelou dous homes que estaban nas inmediacións da vía á altura de Neda, case no límite con Narón. Un deles zafou, pero o outro faleceu atropelado polo convoi.
O falecido é un home de 40 anos natural de Bergondo. O accidente sucedeu no quilómetro 37.500, á altura do mosteiro do Couto.
No lugar hai unha pasarela peonil paralela ao traxecto ferroviario. Os dous homes estaban a pescar e o maquinista non puido velos, ata que xa era tarde. Mobilizáronse ata alí Protección Civil de Neda, a Garda Civil e os Bombeiros de Ferrol.
Tráfico ferroviario afectado
Renfe confirmou que unicamente quedou afectado o tren implicado no atropelo accidental, o Alvia que saíra de Madrid ás 15:00 e que tiña prevista a chegada ás 21:30 horas en Ferrol. Os 69 viaxeiros do tren retomaron a marcha sobre as 00:00.