Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rescatan en bo estado a tripulación dun pesqueiro galego tras naufragar no Pacífico

Rescatan en bo estado a tripulación dun pesqueiro galego tras naufragar no Pacífico

A bordo do palangreiro ían 19 mariñeiros que puideron abandonar o buque nunha balsa salvavidas e posteriormente foron rescatados por outro barco

G24.gal 06/06/2024 11:08 Última actualización 06/06/2024 14:03

O buque Playa Zahara Dos, un palangreiro galego, propiedade dunha armadora de Bouzas, en Vivo, e con base en Gran Canaria, naufragou este mércores en augas do Océano Pacífico

A bordo do buque ían 19 mariñeiros, dos que tres son galegos e os restantes 16 de nacionalidade indonesia. Fontes da Cooperativa de Armadores de Vigo confirma que todos están en bo estado.

Os tripulantes conseguiron abandonar o barco cando estaba semiafundido en dúas balsas salvavidas antes de que afundise e despois foron rescatados por outro buque propiedade dun resort turístico da zona.

O naufraxio produciuse ao sur da Grande Illa Fixi, logo de que segundo parece encallase nun atol. 

A alerta produciuse este mércores ás 15:45 (hora galega), polo que se activou o dispositivo de salvamento que se deu por rematado antes das 19:00, cos mariñeiros "en perfecto estado".

Fontes de Salvamento Marítimo informaron a Europa Press de que as autoridades españolas, en coordinación coas de Fixi, despregaron un dispositivo para tratar de salvar á tripulación, despois de que o buque tivese problemas ao varar nun banco de area, comezando a afundirse.

Por iso, os 19 mariñeiros subíronse ás balsas salvavidas, aínda que tiñan comunicación con terra "en todo momento". Así, desde Fixi solicitouse a un barco, denominado Scorpio 68 pertencente ao complexo hostaleiro Kokomo e utilizado para trasladar a turistas entre distintas illas, que se desprazase ao lugar, a 34 millas da capital Suva.

Grazas a iso, "de forma ordenada e tranquila", os tripulantes puideron ser rescatados "en bo estado".

"Non sabemos se xa está totalmente afundido, pero si que estaba moi avanzada esa situación. O importante é que todos os tripulantes están nestes momentos en perfectas condicións. Están a ser obxecto de revisión médica, pero, en perfectas condicións", explicaba Javier Touza, presidente da Cooperativa de armadores de Vigo.

O Playa Zahara Dos é un pesqueiro de palangre de superficie de 37,5 metros de eslora. Construído no 2002, está matriculado en Vigo e o seu armador é Atlanterra, cuxo domicilio social é a cidade olívica e o seu porto base está en Auckland, Nova Zelandia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade