Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un policía fóra de servizo detivo en Vigo un home que intentaba roubar un coche cunha muller e os seus fillos dentro

Un policía fóra de servizo detivo en Vigo un home que intentaba roubar un coche cunha muller e os seus fillos dentro

O arrestado introduciuse no vehículo, que o condutor e pai da familia deixara aceso coas chaves postas, e ameazounos cun coitelo

A xuíza decretou o seu ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza 

TVG TVG
G24.gal 25/09/2024 10:01 Última actualización 25/09/2024 13:56

Un policía fóra de servizo detivo en Vigo un home que intentaba roubar un coche cunha muller e os seus fillos dentro. O arrestado introduciuse no vehículo e ameazounos cun coitelo.

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Vigo decretou o ingreso do detido en prisión provisional, comunicada e sen fianza. Ademais, segundo confirmou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, está investigado por roubo con violencia, detención ilegal, atentado e lesións.

Ocorreu pouco antes das 4 da tarde deste martes na rúa Tomás Alonso da cidade. Segundo testemuñas presenciais, un home de mediana idade introduciuse no vehículo aproveitando que o condutor baixara do coche e o deixara en marcha coas chaves postas. Nese momento, a súa muller e os dous fillos, un deles un bebé, atopábanse no interior.

O individuo sacou un coitelo e ameazounos para emprender a continuación unha fuxida que non chegou moi lonxe. O pai da familia, ao ver que o home levaba o vehículo con eles dentro, comezou a correr tras el mentres berraba pedindo auxilio. Uns berros que escoitou un policía nacional que estaba fóra de servizo.

O axente colleu a súa moto e perseguiuno, cruzouse diante del e cortoulle o paso. A continuación achegouse ao lado do condutor, abriu a porta, sacou o home e forcexou con el ata que logrou reducilo.

Ademais, agradeceu a un cidadán que lle deixou o seu teléfono para chamar ao 091. A continuación, os seus compañeiros da Policía Nacional procederon á detención do condutor.

Finalmente o ladrón foi arrestado e trasladado a dependencias da Policía Nacional. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade