Un poste de telefonía caído corta unha pista e illa os veciños de Piñeira, en Monforte
Un poste de telefonía caído corta unha pista e illa os veciños de Piñeira, en Monforte
O incidente, que impide o tráfico pola vía, deixou sen Internet os veciños da parroquia
A compañía respondeulles que só retirarán o pau cando se queixen os seus propios clientes
Os veciños de Piñeira, en Monforte, levaban xa catro anos advertindo de que un poste de telefonía inclinado podía caer á beira das súas casas. E iso foi o que acabou por acontecer, cando o pau causou danos materiais nun valo e quedou obstruíndo o paso pola pista que lles dá servizo.
Carmen González Álvarez: "Non se pode pasar co coche nin nada. Estamos illados de todo. E pasa un día, pasan dous... E xa pasaron máis de dous e non sabemos que ocorre".
Como resultado da caída do pau, varios veciños desta parroquia de Piñeira quedaron sen servizo de Internet nas súas casas. Os usuarios afectados reclamáronlle á compañía propietaria da liña a súa substitución urxente, pero polo momento o poste segue igual, atravesado nesta pista.
Segundo denuncian os residentes na zona, a compañía telefónica respondeulles que só retirarán o pau cando se queixen os seus propios clientes. Entrementres, eles non dispoñen de fibra nin poden acceder ás súas vivendas nun vehículo, ao igual que os camións do lixo ou as ambulancias.
Pola súa parte, dende o Concello de Monforte sinaláronlle á veciñanza que contan con que o poste estea retirado antes de rematar o ano.