Un veciño da vítima de Oza-Cesuras identifica o acusado como o home que viu correr detrás da falecida polo tellado do garaxe
Un veciño da vítima de Oza-Cesuras identifica o acusado como o home que viu correr detrás da falecida polo tellado do garaxe
As parellas do acusado e da vítima corroboran que mantiveron unha relación a través do WhastApp e que intercambiaron mensaxes íntimas
Veciños da vítima aseguraron que aquela tarde do 15 de xaneiro de 2021 viron un home de complexión forte e cun chaleco amarelo correndo detrás da vítima polo tellado do garaxe. Un deles mesmo identificou esta mañá o investigado como aquel varón.
Declararon tamén as parellas do acusado e da vítima. A muller do procesado contou que foi o seu marido o primeiro en decatarse de que mantiña unha relación a través do WhatsApp co marido da falecida e que, meses despois, el contoulle á vítima o que estaba a pasar.
Porén a consecuencia disto, a relación laboral entre eles dous foi a peor. Ata o punto de que a muller do investigado chegou a presentar unha denuncia por acoso laboral. E precisamente, referiuse a estes feitos, o marido da vítima que declarou que, nunha ocasión, compañeiros de traballo contáronlle que o agora acusado fora á empresa, moi enfadado, e que dixera que iso non ía quedar así, que xa arranxaría el as cousas fóra.
Interrogada polo día de autos, a muller do procesado contou que aquela noite estivo preocupada porque o seu home non fora á casa, pero que tampouco lles estrañou porque era toxicómano de longa duración e que era habitual que desaparecese. Manifestou que soubo do suceso ao día seguinte cando, despois das nove, espertouna a policía e xa en dependencias policiais contáronlle o que pasara.
O xuízo, que se celebra con xurado popular, prolongarase ata finais da próxima semana.