Unha asociación de automobilistas denuncia que a DXT non ten en conta a marxe de erro dos radares
Unha asociación de automobilistas denuncia que a DXT non ten en conta a marxe de erro dos radares
Instan a Administración a atender as decenas de sentenzas que xa lles están dando a razón aos recorrentes
A Asociación de Automobilistas Europeos considera que a DXT non está a aplicar correctamente os criterios de sanción no que se refire ás multas dos radares. Din que non aplican as marxes de erro das propias máquinas, marxes que están recoñecidas por lei. Por iso, instan a Administración a atender as decenas de sentenzas que xas lles están dando a razón aos recorrentes.
A marxe de erro establécea unha orde ministerial de 2020 (Orden ICT 155/2020, de 7 de Febreiro). Depende da velocidade. Para zonas limitadas 100 km/h ou menos, a marxe de erro é de 5 km/h no caso dos radares fixos ou estáticos, e de 7 km/h no caso dos radares móbiles.
Para as zonas limitadas a máis de 100 km/h, a marxe de erro é dun 5 % para radares fixos ou estáticos, e dun 7 % para radares os móbiles.
Pero a Asociación de Automobilistas Europeos di que a día de hoxe esa marxe de erro só se ten en conta á hora de establecer o límite en que o radar salta. Por exemplo, nunha zona de 50, a foto faríannola a partir de 57 por hora.
"Cando xa se activou o radar, xa non aplican a marxe de erro, e ese é o problema, porque a táboa de sancións prevé unha serie de tramos", explicou Mariano Arnaldo, o director da AEA.
"Por pór un exemplo, nunha vía limitada a 120 km/h se o condutor é cazado a unha velocidade entre 121 e 150 é unha sanción grave que supón unha multa de 100 euros; pero se é cazado entre 151 e 170, aí xa cambia: é unha multa de 300 euros e xa leva aparellada unha perda de puntos", matizou Manuel Martín García, avogado.
E no seguinte limiar pode haber ata responsabilidades penais. Por iso, insisten, é tan importante ter en conta estas marxes de erro, "xa que agora -din- xa son maioritarios os xulgados de España e tribunais que contemplan esa marxe de erro que hai que aplicar".
Piden que esa marxe se desconte na multa, como fan noutros países de Europa. Din que do contrario, obrigan os cidadáns a acudir ao contencioso-administrativo para poder facer valer a súa reclamación.