Publicador de contidos
Publicador de contidos

O ceo galego tamén se iluminou coas auroras boreais durante a noite

O ceo galego tamén se iluminou coas auroras boreais durante a noite

Unha tormenta xeomagnética permite visualizar este fenómeno, moi pouco habitual, dende varios países europeos

G24.gal 11/05/2024 08:12 Última actualización 11/05/2024 17:47

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) confirmou esta madrugada que se estaban a observar "auroras polares a latitudes moi baixas do hemisferio norte, incluída España" e que "hai multitude de fotografías que así o testemuñan".

O fenómeno electromagnético, propio das rexións polares, quedou rexistrado en multitude de imaxes gravadas en Galicia e noutras comunidades, segundo publican nas redes sociais diversos observatorios.

Apreciouse dende a montaña de Pena Trevinca, en Carballeda de Valdeorras. Tamén dende Torremocha do Jiloca, en Teruel, ou dende Calar Alto, en Almería. Agardábase a súa visualización por mor dunha gran tormenta xeomagnética que sofre a Terra.

Electrometeoro

Segundo explica Aemet na rede social X, é un electrometeoro "consistente nun fenómeno luminoso que aparece nas capas superiores da atmosfera en forma de arcos, bandas ou cortinas".

Ao contrario dos fenómenos meteorolóxicos habituais, fórmanse moito máis arriba da troposfera, normalmente a unha altitude de entre 90 e 150 quilómetros. As auroras aparecen pola interacción entre o vento solar e o campo magnético da Terra.

"O vento solar é máis forte en momentos próximos á máxima actividade solar, que se produce en ciclos de entre 10 e 12 anos", explica.

As auroras polares débense á presenza de partículas cargadas electricamente e expulsadas desde o sol (o vento solar), que actúan sobre os gases enrarecidos das capas superiores da atmosfera, de acordo coa Organización Meteorolóxica Mundial.

O campo magnético da Terra canaliza as partículas, principalmente electróns e protóns, que chocan cos átomos e moléculas dos gases das capas superiores da atmosfera (termosfera e exosfera).

Esas colisións provocan que os electróns dos átomos de nitróxeno e de osíxeno ascendan temporalmente a un estado enerxético superior, “excitado”, segundo a Aemet.

Ao recuperárense os niveis de enerxía normais, libérase enerxía que se emite en forma de fotóns de luz con distintas lonxitudes de onda.

Pouco habitual

As auroras polares obsérvanse principalmente en arcos próximos aos polos magnéticos (os óvalos aurorais). Pero se a actividade solar é moi intensa, como agora, as execcións de masa coronal ou erupcións solares atmosféricas poden intensificar o vento solar e alcanzar a magnetosfera da Terra, desencadeando unha tormenta xeomagnética.

Durante estes fenómenos, o óvalo auroral alárgase temporalmente, o que permite percibir auroras desde latitudes máis baixas.

"Iso é o que está a ocorrer esta noite: as tormentas xeomagnéticas severas das últimas horas permiten observar auroras boreais (así se chaman as auroras polares do hemisferio norte) desde España, algo moi pouco habitual", informa a Aemet.

Imaxe captada en Riex (Suíza) Imaxe captada en Riex (Suíza)
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade