Publicador de contidos
Publicador de contidos

Unha empresa de Esgos elabora patés de lacón con grelos, melón con xamón ou polbo á feira

Unha empresa de Esgos elabora patés de lacón con grelos, melón con xamón ou polbo á feira

Nesta empresa buscan sempre sorprender a súa clientela 

Cada un dos produtos ten detrás meses de ensaio e erro

G24.gal 17/02/2024 15:04 Última actualización 17/02/2024 16:19

Patés artesanais elaborados e envasados dende o concello ourensán de Esgos. A súa proposta vai dende as sardiñas con pemento ou o polbo á feira, ata o lacón con grelos ou o melón con xamón. A punto, iso si, para untalo e probalo dun bocado.

Foi no 2015 que esta empresa ourensá decidiu ampliar mercado e ademais de comercializar caracois apostou polos patés. Pero non de calquera sabor, nesta empresa buscan sempre sorprender a súa clientela. 

"Pois mira, dende o primeiro que foi de polbo á feira, moi típico de aquí de Galicia, fixemos tamén paté de polbo con grelos, outros tan sorprendentes como unhas gambas ao allo, chocos na súa tinta, lacón con grelos, paté de centola", explica Carlos Rodríguez de conservas Mareterra.

E o certo é que non paran de innovar. Teñen xa ata dez sabores distintos no seu catálogo. Tampouco faltan o melón con xamón, a opción vegana de piquillo confeitado ou mesmo as sardiñas con pemento. 

"Tentamos sempre facer cousas distintas, que non están no mercado. Tentamos levar pratos típicos da cociña española ao paté que se poidan comer nunha rebanda de pan ou nunha tosta. Con boa materia prima, sobre todo produtos de aquí, de proximidade, produtos de Galicia e que consigamos un bo sabor, unha boa textura e que sorprenda o cliente e que lle guste", apunta Carlos Rodríguez.

Contan que cada un dos seus produtos ten detrás meses de ensaio e erro, innumerables probas ata dar co sabor e a textura axeitada. Agora traballan coa carne de boi.

"Tentas aproveitar carnes que non son moi aproveitables no boi e sacar de aí produtos derivados".

A produción vai medrando pero din, seguen a ser un pequeno obradoiro artesanal con poucas mans e unha chea de ideas. Paseniño din, van ampliando mercado e chegando cada vez a máis clientes.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar