Unha nai con orde de detención en Portugal leva o seu fillo dun hospital vigués
Unha nai con orde de detención en Portugal leva o seu fillo dun hospital vigués
A policía española non puido detela porque non había unha orde europea de detención
Un pai pelexa por seguir tendo contacto co seu fillo de catro anos ao que non vía desde hai dous. O neno estivo hospitalizado en Vigo e foise coa nai, malia ter ela unha orde de detención en Portugal que non se fixo efectiva en España por problemas burocráticos.
O cativo estivo parte dos últimos anos en Dubai, e por mor dunha infección de oído saltou a alerta de que estaba ingresado nun hospital vigués onde puido reencontrarse co seu pai.
O proxenitor pensou que todo volvería a normalidade, que a nai sería retida e que podería retomar a relación co rapaz. Pero non foi así.
Orde europea
O cuarto do hospital estivo custodiado varios días pola Policía Nacional de Vigo que estudou polo miúdo o caso, pero non puido actuar por non existir unha orde europea de detención, segundo explicaron fontes do Corpo.
O letrado que asiste ao pai considera que todo se debe a un erro de transcrición. O pai, de nacionalidade portuguesa, como toda a familia, di pelexar polo dereito do neno, del mesmo e tamén pola integridade do menor.
O proxenitor considera que a nai demorou o ingreso hospitalario do neno á mantenta para eludir a acción da xustiza e que tamén pediu a alta voluntaria.