Unha praga de medusas obrigou a prohibir o baño durante unhas horas na praia de Malpica
Unha praga de medusas obrigou a prohibir o baño durante unhas horas na praia de Malpica
Sesenta bañistas sufriron picaduras na praia de Area Maior
A especie Pelagia Noctiluca é de cor púrpura e a súa picadura é moi urticante
Centos de medusas obrigaron a prohibir o baño na praia de Malpica a tarde do sábado. En apenas dúas horas preto de sesenta bañistas sufriron picaduras.
"Decidiuse pechar a praia para o baño como medida de precaución, porque tiveron que atender arredor de 60 picaduras no posto de socorro", asegura Miguel Ángel Fernández, concelleiro de Seguridade Cidadá de Malpica.
"Picáronlle á miña irmá, picáronme a min, estaban os nenos collendo ducias delas, foi unha avalancha", asegura un turista.
"Houbo que retirarse do baño porque había medusas en cantidades, así que xa marchamos da praia", asegura unha bañista.
Semanas atrás apareceran carabelas portuguesas. Desta vez a especie que invadiu a praia é a Pelagica Noctiluca. A súa cor e púrpura e a picadura é moi urticante.
"O primeiro é non alarmarse, non é perigoso. Despois convén acudir ao posto de salvamento. Aquí limpamos a pel con soro fisiolóxico e botamos unha pomada contra as picaduras", asegura Bruno Álvarez, socorrista na praia de Area Maior.
A medusa púrpura esténdense desde o Mediterráneo ata o Atlántico Norte. Cando proliferan, debido principalmente á suba da temperatura do mar, forman grandes enxames que chegan ás praias. En Malpica din que non lembran un episodio semellante.
"Nunca vira medusas aquí, en Malpica". "Levo doce anos pasando o verán en Malpica e nunca vin algo parecido ao de onte". "Nunca vira tantas medusas xuntas", coinciden os bañistas.
Despois do baño interrompido do sábado, en Malpica comezaron a xornada de praia con bandeira verde.