Unha trintena de menores ucraínos recibirán tratamento oncolóxico en Madrid
Unha trintena de menores ucraínos recibirán tratamento oncolóxico en Madrid
Serán derivados a catro hospitais da rede do Servizo Madrileño de Saúde
Para algunhas familias ucraínas ao drama da guerra únese a súa traxedia persoal, a de ter un fillo ou filla que loita contra un cancro.
Unha trintena destes rapaces acompañados por familiares chegaban nas últimas horas a Madrid desde Polonia tras fuxir da guerra.
Aquí en España seguirán co seu tratamento, interrompido tras o ataque de Rusia. Para iso contaron coa colaboración de varias Fundacións, entre elas Aladina, en coordinación co Ministerio de Defensa e a Sociedade Española de Hematoloxía e Oncoloxía Pediátricas. Estanlles a ofrecer aloxamento nun hotel de Madrid.
Os pacientes serán derivados a catro hospitais da rede do Servizo Madrileño de Saúde, con especialidade en oncoloxía pediátrica.
En función dos historiais médicos que traen algunhas familias e das situacións particulares de cada neno, os profesionais sanitarios valorarán a necesidade do seu ingreso directamente nun dos centros ou do inicio de consultas e a realización de probas nos días vindeiros.
Son conscientes de que veñen para unha longa estancia. Agradecen a axuda recibida... e a pesar de toda a traxedia que están a vivir, din manter a esperanza de poder regresar sans algún día ao seu país.