Unha vaca de catro anos do Saviñao pesa unha tonelada e media
Unha vaca de catro anos do Saviñao pesa unha tonelada e media
Chámase Cuca e cébana con herba cunha mestura especial de diversos cereais
Cuca, de catro anos, pesa unha tonelada e media. É dicir, o dobre ca unha vaca frisoa normal. Trátase, por tanto, dun exemplar fóra de serie, pertencente a unha explotación de Broza, no Saviñao.
O segredo para o inmenso tamaño de Cuca non é outro ca a alimentación. Segundo o seu dono, bota o día pacendo herba verde, come tamén herba seca e ademais cébana cunha mestura de cereais.
Abilio Rodríguez, gandeiro: "Déuselle leite, despois destetouse e estivo un tempo con penso na corte. Con dez meses, botouse para fóra e comeu pasto, herba seca, silo e mesturas de millo e trigo".
Pero as enormes dimensións desta vaca non só se deben á súa alimentación, senón tamén á súa xenética. De feito, na mesma granxa levan xa varios exemplares con arredor de 1.500 quilos de peso. No caso de Cuca, ademais, nunca chegou a ser inseminada, polo que non ten ubre.
Abilio Rodríguez, gandeiro: "Púxoselle o seme dúas veces, non agarrou, e entón foi pasando. É descendente de vacas da casa, e gústanme animais grandes e angulosos. Hai que darlles boa comida, bastante, e tratalas con cariño".
Para a semana vindeira, prevese que Cuca sexa levada ao matadoiro. Dadas as súas características excepcionais, o prezo de venda mesmo podería acadar os 5.000 euros.