Publicador de contidos
Publicador de contidos

O uso das tecnoloxías xa é o maior problema de convivencia nos fogares con adolescentes

O uso das tecnoloxías xa é o maior problema de convivencia nos fogares con adolescentes

Dous de cada dez adolescentes galegos pode estar sufrindo ciberacoso

A quinta parte dos adolescentes discute coa familia polo uso das tecnoloxías polo menos unha vez á semana 

G24.gal 08/02/2022 21:23

"Xuntos por unha Internet mellor" é o lema do Día da Internet Segura que celebramos este martes, coa ollada posta sobre todo nos menores, os usuarios máis vulnerables.

Dous de cada dez adolescentes galegos pode estar sendo vítima de ciberacoso, e o 40 % recibiu mensaxes de contido sexual, segundo un informe que presentou esta tarde na Facultade de Psicoloxía UNICEF Santiago, entidade que promove o uso correcto das tecnoloxías para garantir os dereitos dos adolescentes. No informe destaca a tarefa educativa, compartida e necesaria, de familias e centros.

O estudo sobre o impacto das tecnoloxías na adolescencia busca o seu uso saudable nun futuro inzado de perigos que xa se empezan a albiscar agora, como nos contan os expertos participantes no acto.

"O acoso a través de redes sociais, o sexting que é máis común ou o grooming, persoas maiores que pasan por adolescentes para logo quedar e ter relacións físicas, algo que sorprende as elevadas cifras deste tipo de comportamento", alerta Fernando Suárez, presidente do Consello Xeral de Colexios de Enxeñería Informática.

"O acoso a través das redes ten un impacto emocional moito máis intenso e duradeiro no tempo, e, polo tanto, deriva en taxas de depresión e ideas suicidas maiores", engade Antonio Rial, profesor da Facultade de Psicoloxía da USC e coordinador do informe.

"Non son moi elevadas as porcentaxes, pero xa están a apostar en liña e preocúpannos as posibles ludomanías", incide Irene Marín, a coordinadora de UNICEF Comité Galicia.

O informe, realizado entre miles de adolescentes, déixao claro: un de cada catro fai un mal uso das tecnoloxías e un de cada cinco está enganchado aos videoxogos, a miúdo non recomendables para a súa idade. A educación, as normas e a implicación familiar son a mellor arma para conxurar un problema de saúde pública. O uso da tecnoloxía na casa xa se converteu nun dos principais problemas da convivencia familiar.

Para Antonio Rial, "é un problema de saúde pública porque son novas formas de adicción sen substancia, con cifras preocupantes"

Os datos do informe alarman, segundo comenta Irene Marín, porque "só un de cada tres pais ou nais galegos establecen normas co uso das tecnoloxías"

Por iso, Fernando Suárez cre que "hai que implicarse nesta educación tecnolóxica. Non podemos delegala nin nos centros educativos nin exclusivamente nas familias. Nin esquecer a responsabilidade das empresas tecnolóxicas"

Unicef pon á disposición de pais e educadores unha guía na súa páxina web para previr situacións de risco e, sobre todo, para que os adolescentes saiban detectalas e actuar en consecuencia, con confianza e seguridade.

Antonio Rial:" É o principal problema de convivencia nos fogares:"
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade