Villares: "Hai que falar do que preocupa ao sector: a remuda xeracional e a soberanía alimentaria"
Villares: "Hai que falar do que preocupa ao sector: a remuda xeracional e a soberanía alimentaria"
O conselleiro de Pesca, Alfonso Villares, dixo que a remuda xeracional e a modernización da frota son fundamentais
Afirmou que o 70 % dos produtos pesqueiros que se consumen en Europa son importados
O porto de Vigo é o que concentra un maior número de descargas pesqueiras de toda España, Galicia é a primeira comunidade autónoma pesqueira, aquí amarran a metade dos barcos de toda a frota española.
Son os motivos que levaron á elección da cidade galega, como a sede do cumio informal de ministros de Pesca europeos que hoxe vive a súa segunda xornada.
Alfonso Villares, conselleiro do Mar, lamentou, nunha entrevista no informativo Bos días da CRTVG, que o goberno galego non estea representado nesta xuntanza.
"A nosa participación é escasa e é un erro. Nós estamos a traballar da man do sector, as súas inquedanzas son as nosas. O feito de que hoxe non esteamos é unha oportunidade perdida", dixo Villares.
Remunda xeracional
Ademais da descarbonización, que centra o debate das xornada en Vigo, hai aspectos que preocupan máis ao sector, segundo o conselleiro. Un deles é a remuda xeneracional e a novación tecnolóxica.
"Necesitamos barcos con máis capacidade e máis cómodos para os mariñeiros. É o xeito de que a xente nova poida volver ao mar, é a eiva máis importante que temos", suliñou Villares
Para Alfonso Villares é un erro enfocar todo o debate das xornadas no medio natural, que non se teñan en conta os codicionantes socioeconómicos, cando se toman decisións.
"Cremos que iso é un erro, porque cando se toman decisións, detrás delas hai persoas, familias, vidas, que viven do mar, que lles afecta dun xeito negativo".
O recurso ao veto da pesca de fondo
O veto á pesca de fondo en 87 áreas continúa vixente dende finais do ano pasado, hai varios recursos interpostos, entre eles un das organizacións pesqueiras ao que acaba de unirse a Xunta.
"Foi positivo que Europa aceptase o recurso presentado por Galicia e do que xa informamos aos mariñeiros, fundamentalmente á frota de Burela, que foi a que liderou ese recurso. Hai que evitar ese veto, non é un paso definitivo pero si importante ir da man dos armadores de Burela para intentar argumentar todos os aspectos que non se tiveron en conta cando se formulou este veto", afirmou o conselleiro.
"Estamos a falar dunha zona en que se traballa a pesca co palangre, una das técnicas máis selectivas que hai."
Soberanía alimentaria, o foco do debate
Segundo afirma o conselleiro de Pesca, estase poñendo o foco en aspectos que non son fundamentais.
"O medio natural é importante, pero tamén o é a soberanía alimentaria, como se demostrou durante a pandemia. Europa necesita alimentos con que poder fornecerse, e os produtos do mar son dunha gran calidade, nutritivos e saudables", asegurou.
"En Europa o 70 % dos produtos de pesca son importados. Non é que os produtos importados sexan malos, pero en Europa aplícanse unha serie de garantías de cara aos consumidores que noutros países non teñen", insistiu Villares.
Caladoiro marroquí
Alfonso Villlares falou da suspensión do acordo da Unión Europea con Marrocos. Dixo que a frota terá que buscar, mentres, outras zonas de traballo e pediu ao Goberno de España que traballe para que ese acordo poida renovarse.