Visitamos o laboratorio do museo arqueolóxico de Ourense
Visitamos o laboratorio do museo arqueolóxico de Ourense
Antes de chegar ás salas de exposicións, as pezas que aparecen nas escavacións pasan por un laboratorio onde as restauran e as conservan
Ao museo arqueolóxico chegan pezas compradas, doadas ou cedidas temporalmente por outras institucións. Pero a maioría veñen da terra, das escavacións arqueolóxicas, e esta é a súa primeira parada.
Lois Méndez, restaurador no Museo Arqueolóxico provincial de Ourense: "Estamos no laboratorio de restauración, a parte do museo que se encarga da conservación e de dotar as pezas dunha estabilidade para que se manteñan ao longo do tempo".
A de hoxe é unha xornada especial, de divulgación da súa actividade. Aquí trabállase amodo, adaptando os procesos a cada material. Pero os médicos do patrimonio non son infalibles. Algúns obxectos chegan irrecuperables.
"Non é que eu me dea por vencido, pero as pezas ás veces si, porque están en moi mal estado", asegura Lois Méndez.
Metais coma o ferro son os máis sensibles ao efecto corrosivo das ácidas terras galegas. As cerámicas chegan feitas auténticos crebacabezas e as madeiras, de igrexas e mosteiros, consumidas polos térmites.
Mariano Ortega, profesor da escola de Artes e Oficios: "Normalmente estas cousas, como quedan á man de ninguén, teñen un coidado malo e aparece a bichería, e a madeira non é como a pedra, que aguanta un pouco máis".
Mariano é profesor de talla de madeira. Con motivo do día dos museos organizou unha visita para os seus alumnos. Porque experiencias coma esta ábrennos os ollos á nosa propia historia.