Dous anos da aprobación da lei Rider en España

Os traballadores levan anos esixindo uns dereitos laborais xustos 

A lei Rider aprobouse en España hai dous anos e incentivou a contratación

Empresas como Just Eat xa contan coa súa propia frota de repartidores con contrato indefinido e un convenio 

 

 

G24.gal 11/11/2023 16:11 Última actualización 11/11/2023 20:38

Enrique comeza a súa xornada laboral a media mañá. Nesta empresa de repartimento leva máis dun ano cun contrato indefinido. 

"Tes as túas vacacións, a túa Seguridade Social. Máis que nada é iso, a tranquilidade de saber que estás contratado e que non haberá ningún problema".

A lei Rider, aprobada en España en agosto de 2021, marcou para algunhas destas empresas de repartimento unha folla de ruta a seguir, apostando, nalgunhas delas, por incorporar a súa propia frota de repartidores segundo o seu responsable de operacións en Galicia, Julián Canoura.

"A de ter a todo o noso persoal propio da mesma compañía, con contrato indefinido e todas as condicións que iso supón", explica Canoura. 

"Proporcionan as motos, as mochilas, os móbiles.... Proporcionan todo porque realmente nós só repartimos", conta o repartidor de Just Eat.

Just Eat foi a primeira plataforma en asinar cos sindicatos o primeiro convenio colectivo. Así o conta Julián Canoura.

"Hai unhas táboas salariais onde teñen unhas condicións que están plasmadas e definidas e que están moi enriba do salario mínimo interprofesional".

Teñen máis de 2.000 repartidores por toda España. Ata aquí só veñen recoller o material para poder realizar eses pedidos. Fan unhas dúas entregas por hora. Nos tempos mortos, dispoñen dunhas zonas de descanso.

"Temos unhas zonas asignadas e cando non tes pedidos vas a túa zona e alí só tes que estar pendente do teu móbil por se entra o teu pedido. E unha vez aquí, podes aproveitar para ler, escoitar música ou para o que ti queiras realmente".

Garantir os dereitos laborais destes traballadores foi dende anos a principal demanda. E aínda que moitas empresas de repartimento recibiron multas por incumprir a normativa, outras aplauden unha lei que lles permita traballar en igualdade de condicións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade