Frota amarrada e escaseza de peixe no mercado polo temporal

A maioría dos barcos galegos non puideron saír ao mar, como a semana pasada

Nas lonxas e mercados nótase a escaseza de peixe de baixura

 

G24.gal 26/10/2023 15:04

Esta é a imaxe que deixa en temporal nos portos galegos. Frota amarrada e pescadores en terra agardando que amainen o vento e as ondas.

"Están vindo borrascas, unha tras outra, temos un par de días de tregua e xa vén a seguinte. Precisabamos algo de revoltura no mar despois do verán, pero non tanto coma isto", explica Jose Antonio Pérez Sieira, patrón maior de Ribeira.

Malia as perdas dun barco parado, poucos se atreven a coller o temón hoxe. En Ribeira só deron saído os que faenan ao abrigo da ría, pero a maioría tivo que parar, igual que a semana pasada.

"A semana pasada paramos dous días, esta un, e mañá a ver", explica Anxo, un mariñeiro de Castiñeiras.

E despois de encadear borrascas, o peixe de baixura escasea en lonxas e mercados. Case todo o que hai, vén de lonxe.

"Hai do Gran Sol e así; de baixura, moi pouco".

"Hai moita menos nécora e camarón e de peixe da costa temos días que non entra nada".

"Baixou en picado o peixe e a xente, a semana pasada e esta tamén", comentan os praceiros do Berbés, en Vigo.

Praceiros e mariñeiros agardan que a situación se vaia normalizando e que esta non sexa a tónica do resto do inverno.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade