Prisión provisional para o veciño de Burela que acoitelou un home o pasado venres
Prisión provisional para o veciño de Burela que acoitelou un home o pasado venres
A xuíza ordenou a prisión provisional para o investigado por un presunto delito de homicidio en grao de tentativa.
O home agredido continúa ingresado na Unidade de Coidados Intensivos do hospital público da Mariña
O home que acoitelou un varón no municipio lucense de Burela o pasado venres atópase en prisión provisional, comunicada e sen fianza e baixo investigación por un presunto delito de homicidio en grao de tentativa.
A maxistrada do xulgado número 2 de Viveiro decretou o sábado o ingreso en prisión provisional para o investigado polos feitos que tiveron lugar ao redor das 20.40 horas da tarde do venres na avenida Arcadio Pardiñas da localidade mariñá.
O 112 recibiu o aviso dun particular que alertou do suceso e a central de emerxencias mobilizou ata o lugar o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Policía Local e a Garda Civil, que procedeu á detención do presunto autor dos feitos.
Por outra banda, o home agredido continúa ingresado desde o venres con prognóstico grave na Unidade de Coidados Intensivos do hospital público da Mariña tras recibir varias puñaladas.