139 evacuados de Gaza chegan á base de Torrexón

Entre os evacuados da Franxa, 67 son menores de idade

O ministro de Asuntos Exteriores recoñeceu que foi unha evacuación "especialmente complexa"

Os evacuados asegura que "Gaza xa non existe"

 

Os evacuados de Gaza á súa chegada á base de Torrexón (EFE) Os evacuados de Gaza á súa chegada á base de Torrexón (EFE)
G24.gal 16/11/2023 19:38

Os hispano-palestinos evacuados de Gaza o pasado luns aterraron esta tarde na base aérea de Torrexón, en Madrid, nun avión do Exército do Aire procedente do aeroporto do Cairo. Un total de 139 persoas das 143 que foron evacuadas da Franxa nos últimos días polo Ministerio de Exteriores. Os demais permanecerán na capital de Exipto por motivos familiares.

Das 139 persoas que chegaron a España, 67 son menores, e de todos os evacuados, 54 son palestinos mentres que os demais teñen a dobre nacionalidade.

Ao pé do avión agardaban para recibilos a ministra de Defensa en funcions, Margarita Robles, xunto co ministro de Asuntos Exteriores en funcións, José Manuel Albares e o xefe do Estado Maior da Defensa, Teodoro Esteban López.

O voo saíu ás 4:30 (hora española) do Cairo, onde as familias que chegaron alí nos últimos días dende Gaza, foron recibidas e dirixidas polos empregados da embaixada de España á zona de embarque. 

Unha vez que as persoas saen de Gaza, teñen 72 horas para abandonar Exipto, segundo explica o acordo de evacuación. Dende ese momento, a responsabilidade recae nas embaixadas dos países implicados.

O pasado luns, un total de 40 hispano-palestinos ou familiares destes saíron de Gaza, aos que se lles sumaron outros 74 o martes, e 29 máis o mércores. Con estas cifras, Exteriores deu por concluída esta primeira fase de evacuación.

Operativos de evacuación

A saída destes grupos de Gaza produciuse con previa autorización de Israel, e co visto e prace de Exipto. Ambos países deben dar luz verde á saída destas persoas a través do paso de Rafah. Dentro da Franxa queda aínda outro grupo de hispano-palestinos xunto cos seus familiares, un total de 45 persoas. Estas inscribíronse no último momento nas listaxes e a súa saída xa se está a tramitar, á que se lle dará unha data próxima, aínda por determinar.

No operativo por traer a España estas 139 persoas, participaron o persoal do 45 grupo nas Forzas Aéreas, o escuadrón de apoio ao despregamento aéreo, a Unidade Médica de evacuación e o Mando de Combate.

Tras a chegada, Albares recoñeceu que a evacuación foi "especialmente complexa" e describiu a situación actual de Gaza de "terrible", tal e como transmitiron os evacuados. Porque "Gaza xa non existe", segundo lle dixeron os evacuados aos ministros.

"Non esquecemos todos os civís palestinos que seguen vivindo o horror insoportable en Gaza nestes momentos. Por iso, o Goberno de España non vai a deixar de facer un chamamento ao cesamento do fogo humanitario para que a axuda humanitaria que España triplicou nas últimas semanas poida entrar en Gaza e chegar á poboación civil", recalcou Albares.

O ministro de Exteriores insistiu en que España vai traballar para que volva a paz a Oriente Medio. "E esa paz só chegará cunha conferencia de paz, que é unha proposta española que cada vez máis países do mundo fan súa" e da que deben saír dous estados que "poidan coexistir en seguridade, en prosperidade, en boa veciñanza e en paz".

Robles quixo valorar o traballo das Forzas Armadas para levar a bo porto esta evacuación e para "salvar as persoas que están a ser obxecto desa violencia absolutamente indiscriminada". Tampouco ocultou a súa emoción por poder recibir estas persoas, moitas delas menores e algunhas maiores que "veñen con enfermidades importantes".

"Cando dous deles ou varios, porque algúns non falan español, berraron 'viva España!, moitísimas grazas polo que se está facendo', son momentos dunha grande emoción", relatou a ministra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade