Sae da Franxa de Gaza o segundo grupo de reféns liberados por Hamás
Sae da Franxa de Gaza o segundo grupo de reféns liberados por Hamás
O grupo islamita atrasara a entrega ao acusar a Israel de incumprir o acordo
O segundo grupo de reféns liberados por Hamás, 13 israelís e 4 estranxeiros, xa saíron da Franxa de Gaza e atópanse en Exipto, onde equipos da Cruz Vermella transferíronos aos servizos de seguridade israelís.
Majed al Ansari, portavoz do Ministerio de Exteriores de Qatar, país mediador no acordo entre o grupo islamita e Israel, confirmou na tarde do sábado o intercambio que Hamás atrasara por desavinzas coa outra parte.
"Tras un atraso na implementación da liberación de prisioneiros de ambas as dúas partes, os obstáculos foron superados a través das comunicacións qatarís-exipcias, e esta noite 39 civís palestinos serán liberados a cambio da liberación de 13 detidos israelís de Gaza ademais de 7 estranxeiros fóra do marco do acordo", afirmou o responsable qatarí na súa conta oficial de X.
Entre os excarcerados de prisións israelís hai "33 menores e 6 mulleres", mentres que os reféns israelís en mans de Hamás son 8 menores e 5 mulleres, ademais de sete estranxeiros, dos cales non deu detalles.
Hamás acusara a Israel de violar os termos do acordo que alcanzaron sobre a entrada de axuda humanitaria e a excarceración de presos palestinos con máis antigüidade nos cárceres. Israel negouno.
Aumento da tensión
A incerteza das liberacións fixo aumentar a tensión entre os familiares dos reféns, e tamén arredor da cadea de onde sairían os prisioneiros palestinos. As forzas israelís feriron varios manifestantes que se congregaban ás portas.
Os 24 reféns liberados o venres, xa puideron reunirse coas familias despois de recibiren atención médica, igual que os presos liberados.
O compromiso ao que se chegou esta semana é que durante estes catro días Hamás liberaría 50 secuestrados israelís a cambio de 150 presos palestinos que Israel sacaría dos cárceres.
Esixiuse ademais un cesamento dos bombardeos e a entrada segura de axuda humanitaria, que inclúe combustible e gas.
Ampliación da tregua
O presidente estadounidense, Joe Biden, asegurou nas últimas horas que hai "posibilidades reais" de que a tregua humanitaria en Gaza se amplíe máis días dos catro pactados e asegurou que ata o de agora "todo saíu ben".