Entran a roubar nunha igrexa de Boborás pero só conseguen "unhas poucas moedas"
Entran a roubar nunha igrexa de Boborás pero só conseguen "unhas poucas moedas"
Os ladróns fixeron estragos no lateral da porta e no sagrario ao tentar abrilo
Houbo outros furtos en igrexas hai uns meses no Carballiño
A igrexa de San Martiño de Cameixa, en Boborás (Ourense), foi o escenario dun roubo na noite do sábado ao domingo, aínda que os responsables só conseguiron levar "unhas poucas moedas". O párroco, Néstor Álvarez, asegura que o furto tivo que ser pola noite, xa que ao longo do sábado a igrexa tivo actividade.
Como explica o relixioso, os responsables causaron unha desfeita na porta lateral, e unha vez dentro, púxeronse a buscar obxectos de valor. "Tentaron forzar o sagrario, pero non foron capaces", engade Álvarez.
O párroco só bota en falta "unhas poucas moedas" que había gardadas, xa que as cadeas e adornos de valor que teñen os santos están "gardadas, pois houbo roubos na zona do Carballiño hai uns meses". Tampouco é a primeira vez que entran nesta igrexa de Boborás.
Este luns, o relixioso prevé presentar unha denuncia, e a Garda Civil acudiu ata a igrexa para sacar fotos e ver se hai algunha pegada.