Investigan catro alumnos do Instituto de Maceda que tentaron acceder ás contas dunha profesora

O Edite da Garda Civil determinou que tentaron entrar no correo e nas contas bancarias da docente

Os procesados son catro menores da FP e un quinto mozo maior de idade alleo ao centro

 

G24.gal 03/11/2023 14:06

O pasado marzo unha das profesoras da FP do Instituto de Maceda denunciou accesos non autorizados ao seu correo electrónico e contas bancarias. "Sospeitou porque o rato do ordenador desde onde controla o resto de equipos movíase só, sen interacción dela. Iso sumado a varios intentos de entrar no seu correo e nas contas do banco, foi o que a levou a denunciar", explica Efrén Varón, Garda Civil do equipo @ de Ourense.

A investigación do equipo de delincuencia tecnolóxica da Garda Civil de Ourense, Edite, determinou que os autores usaron a Rede do instituto para tentar acceder irregularmente ás contas privadas e profesionais da docente. Ademais tamén quixeron entrar desde equipos alleos ao centro. Non o lograron nin levaron cartos, pero pode saírlles caro.

"Terá que determinalo o xuíz. Pero nós aquí consideramos que pode haber varios delitos, un contra a intimidade da persoa e outro de revelación de segredos por particular", engade Efrén Varón.

O caso está xa en mans do Xulgado de Instrución de Garda de Ourense e da Fiscalía de Menores da Audiencia Provincial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade