Localizan o corpo sen vida de Ramón Carrera, o veciño desaparecido de Porqueira

A familia anunciou a súa desaparición o venres pola tarde

O corpo foi atopado sen vida no río xunto co seu coche

G24.gal 19/11/2023 18:00 Última actualización 19/11/2023 22:07

Foi a primeira hora da tarde cando os servizos de emerxencia atoparon no río Limia o coche de Ramón Carrera, o ancián desaparecido en Porqueira o venres pasado. O nivel do río descendeu nos últimos días e iso axudou a que puideran encontrar o coche a uns tres metros de profundidade. O home estaba no interior do vehículo e todo apunta a que perdeu a vida nun accidente acontecido na ponte da Rúa, a apenas trescentos metros río arriba de onde o atoparon. 

En Porqueira non descansaban dende que o venres pola tarde tiveron noticia da desaparición de Ramón Carrera, de 90 anos. Todos andaban na súa procura, os veciños e os servizos de emerxencia. Xunto el desapareceu o seu coche, así que percorreron os camiños, buscárono dende o ceo, e vadearon o río. Hoxe, a busca rematou cun final amargo.  

"Os GES de Muíños e de Lobios viron un escintileo e pensaron que podía estar alí o coche. Desprazáronse ata aquí os GEAS da Garda Civil e eles xa o somerxerse comprobaron que se trataba do coche, e que o noso veciño Ramón Carrera, desgraciadamente, se atopaba alí dentro", conta Susana Vázquez Dorado, alcaldesa de Porqueira.

Xusto a carón da ponte atopáronse os restos dun parachoques que resultou ser do coche de Ramón, por iso volveron unha vez máis a inspeccionar o río.

"Apreciamos o mediodía uns raspazos na ponte que por altura era bastante probable que fosen do coche xunto cos indicios do parachoques. Iniciouse unha batida polo río e finalmente o GES de Lobios localizou o vehículo a distancia que podemos ver o fondo", explica o coordinador do GES de Muíños, Julio Rivero.

O nivel do río baixou nos últimos días arredor de medio metro o que axudou a detectar o coche. Quedara somerxido nunha poza a uns tres metros de profundidade. 

"Aínda percorreu bastante traxecto, pero é unha zona de moito caudal e o río fai curvas e moita corrente e por iso o arrastrou o punto. Non había marcas de ter caído as río nun primeiro momento, pero se ve que o coche levantou voo e arrastrouno a corrente", apunta Julio Rivero.

O ano pasado houbo outro accidente mortal nesta ponte que une os concellos de Rairiz de Veiga e Porqueira. Teñen previsto reclamarlle o seu arranxo urxente a confederación Hidrográfica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar